Pontevedra ponse en marcha: comeza a campaña de voluntariado para o Mundial Multisport

Pontevedra
12 de marzo 2025

Abre a inscrición de voluntariado para o Mundial Multisport 2025, que terá lugar na cidade do Lérez do venres 20 de xuño ao domingo 29, e contará cun programa formativo e participación flexible para un gran abanico de idades

Presentación da campaña de voluntariado para o Multisport
Presentación da campaña de voluntariado para o Multisport / Concello de Pontevedra

O Mundial Multisport 2025  marca o calendario deportivo de Pontevedra como unha das citas máis destacadas do ano.  

O evento comezará o venres 20 de xuño cun espectáculo de inauguración e rematará o domingo 29 dese mesmo mes.

A implicación de persoas voluntarias resulta clave para o éxito desta competición de repercusión internacional, segundo se indicaba este mércores na presentación da campaña de captación de voluntariado.

A convocatoria para participar vai establecerse aberta para perfís diversos da poboación galega, desde mocidade ata persoas pensionistas, ofrecendo unha oportunidade para vivir o evento desde dentro e contribuír na súa organización.

Ademais, a participación será flexible e adaptada ás necesidades e capacidades de cada voluntario.

Para poder levar a cabo o Multisport, este 12 de marzo presentouse a campaña para a captación de voluntariado.

O acto de presentación contou co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores; o representante da Oficina de Voluntariado, Miguel Balea Piñeiro; a portavoz de Protección Civil, Adelaida Lopes; e César Rivera González, en representación da Brilat e Anabel Gulías, edil de Deportes.

O chamamento ao voluntariado busca reunir arredor de 1.500 colaboracións ao longo dos nove días que dura o evento. 

A Oficina de Voluntariado de Pontevedra, coordinada por Miguel Ángel Balea Piñeiro, iniciou a captación de persoas dispostas a participar, superando xa o centenar de inscritos.

O obxectivo desta Oficina consiste en chegar aos 300 ou 350 voluntarios para garantir o correcto desenvolvemento da proba, que estarán apoiados por colaboracións de persoal doutros organismos.

Presentación da campaña Faite voluntarix
Presentación da campaña Faite voluntarixConcello de Pontevedra

A organización ofrecerá formación en primeiros auxilios, turismo e inglés para mellorar a experiencia tanto dos participantes como dos visitantes. 

A intención da entidade é realizar unha formación xeral de maneira presencial, pero tamén a enviarán por correo para as persoas que non poidan asistir. 

Ademais, a Oficina de Voluntariado garante apoio en materia de equipación, desprazamentos, manutención e aloxamento, asegurando unha experiencia enriquecedora para todas as persoas implicadas.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a implicación das entidades colaboradoras, subliñando a relevancia deste Multisport 2025 como preparación para a gran final das Series Mundiais de 2026.

A colaboración de diferentes colectivos, como a Escola Naval, a Garda Civil de Tráfico e a Policía Local, facilita a coordinación dos aspectos deportivos, organizativos e de seguridade.

As persoas interesadas en formar parte do voluntariado poden inscribirse de forma presencial na Sede física da Oficina de Voluntariado, situada en Benido Corbal, ou a  través do correo [email protected] ou o contacto telefónico 606.119.915.