Pontevedra volverá a calebrar o Día Internacional do Ioga cunha xornada aberta a toda a cidadanía que se celebrará o próximo 20 de xuño na Illa do Covo.
A iniciativa foi presentada este martes pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, xunto a Ela Pereira e Myriam Viéitez, do estudo Flow Ioga, impulsor desta proposta "indicada para todos os públicos" que contribúe a mellorar a calidade de vida e a dar a coñecer os diferentes negocios que hai na cidade dedicados a esta disciplina.
A xornada desenvolverase nos escenarios Sol e Lúa con actividades desde as 10:00 até as 19:30 horas.
O primeiro acollerá sesións máis dinámicas, dirixidas a persoas con experiencia ou que buscan un ioga máis activo, mentres que o segundo ofrecerá clases máis suaves e accesibles, pensadas para principiantes ou para quen prefire un ritmo máis tranquilo. En ambos os casos, as clases terán unha duración dunha hora.
O programa está deseñado para todos os perfís, desde ioga en familia para os máis pequenos até sesións adaptadas a adultos, independentemente da súa condición física ou experiencia previa. "O ioga ten diferentes formas e estilos, e queremos romper coa idea de que é só unha práctica acougada ou limitada a uns poucos", explicou Viéitez.

Ademais das sesións prácticas, o evento incluirá unha mesa redonda baixo o título 'Ioga máis alá das asanas', que se celebrará a partir das 14:30 horas e coincidirá cun picnic aberto ao público. As persoas asistentes poderán levar a súa propia comida ou gozar dos food trucks instalados na zona.
A xornada contará tamén cun mercadillo vinculado a este ámbito para o que aínda hai sitios dispoñibles para os negocios que poidan estar interesados en participar.
O broche á celebración poñerao Hari Kirtan Das, cun concerto a partir das 19:30 horas.
Para participar nas actividades non é necesario inscribirse previamente, basta con acudir 15 minutos antes de cada sesión ao momento de información cunha esterilla, pareo ou toalla.
Toda a programación pódese consultar a través das redes sociais do evento.