Xa hai data para a Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol que estaba pendente de celebrarse.
A cita, que fora convocada inicialmente para o pasado mes de decembro, foi aprazada no seu momento por "causas sobrevindas", explicou entón a entidade granate.
Agora, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil reflicte unha nova convotaria para os accionistas do club.
Concretamente están chamados a reunirse o mércores 23 de xullo ás 17:45 horas en primeira convocatoria, e no caso de non existir quorum un día despois á mesma hora.
Será nun novo emprazamento, no Estadio Municipal de Pasarón.
Na orde do día da convocatoria establécense os temas a tratar, e que será principalmente o estado das contas a exercicio pechado o 30 de xuño de 2024.
Así, sinala o documento oficial, someteranse a "exame e aprobación, se procede, das contas do exercicio económico relativo á tempada 2023/2024 (balance de situación, conta de perdas e ganancias e memoria), do informe de xestión da Sociedade e da xestión do seu órgano de administración.
Ademais someterase a "exposición e aprobación do orzamento do club 2024/2025", é dicir, da tempada recentemente finalizada.