Importante partido para o Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas) ante o actual líder do Grupo I de Segunda B, o Coruxo adestrado por Rafa Sáez.
Os granates necesitan un triunfo que lles permita respirar na clasificación e que faga xustiza á imaxe mostrada no inicio de liga, que non se traduciu en puntos.
Con só dous goles a favor en seis partidos, ambos conseguidos no mesmo partido, o choque convértese nunha cuestión de puntería para os homes de Luisito, confiados en deixar atrás o seu mal fario en ataque.
Ata agora só Borjas Martín foi capaz de perforar a meta contraria. O canario volverá ser a punta de lanza granate ante a ausencia por sanción, por segundo e último encontro, de Pablo Carnero.
A noticia positiva para os granates é a recuperación de Jacobo logo de tres semanas ausente por lesión. Tamén Queijeiro atópase en boas condicións, pero non adestrou ao 100% durante esta semana e pon o seu obxectivo no compromiso de dentro dunha semana en Santander.
O colexiado do encontro será o castelán leonés Fernando Román Román.