Pontevedra e Cambados acollerán os campionatos de España de baloncesto en categoría infantil

Pontevedra
30 de outubro 2013

Ambos os dous celebraranse de 15 ao 21 de xuño de 2014. En Cambados xogarase o campionato masculino e en Pontevedra o feminino, cada un con 32 equipos e a participación de ao redor de 400 xogadores

A Federación Española de Baloncesto adxudicou a Cambados e Pontevedra a organización dos campionatos de España do clubs en categoría infantil, segundo adiantou Diario de Pontevedra e confirmou a propia federación na súa páxina web.

Ambos os dous torneos disputaranse do 15 ao 21 de xuño, sendo Cambados a sede da competición masculina e Pontevedra da feminina.

Cada un dos campionatos contará coa presenza de 32 equipos e preto de 400 xogadores cun movemento total, segundo a estimación da Federación Galega, de 3.000 persoas.

A pesar de existir confirmación oficial, os clubs que organizarían a competición en Pontevedra, Arxil e Estudantes, explicaron que ata o momento aínda que se mostraron interesados non teñen comunicación da súa designación como sede.

Segundo aseguran, os campionatos adxudicáronse á Federación Galega de Baloncesto, sendo eles os que teñen que decidir finalmente o lugar de celebración.

Por ese motivo o ente federativo convocou os clubs a unha reunión que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo martes 12 de novembro.