Pontevedra e Fuenlabrada prometen un partido de altos voos en Pasarón

Pontevedra
23 de febreiro 2019

Os dous adestradores prognostican un encontro "muy parejo" este domingo (17:00 horas) no estadio pontevedrés, nun duelo de vital importancia para os granates que se vencen ao líder meteranse de cheo na pelexa polo play-off. Romay perde o choque por sanción

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

A estas alturas de tempada "no hay margen para el error", cansouse de repetir Luismi durante os últimos días, e non é para menos, porque o Pontevedra recibe este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o líder da categoría, o Fuenlabrada, nun duelo que pode levantarlle definitivamente á pelexa polos catro primeiros postos.

"Es un partido importante, no decisivo porque quedan muchos puntos pero sí es importante", recoñece o técnico granate, que do mesmo xeito que o seu colega  Mere no banco madrileño prognostica un duelo "muy parejo" como o da primeira volta no que venceu o Pontevedra decidido por pequenos detalles.

Luismi agarda un Fuenlabrada con presión alta que dificulte a saída de balón, polo que pide minimizar erros e fallos de concentración. Trátase ademais do equipo menos goleado da categoría (13 tantos) e que actúa cunha formulación "que no varía mucho fuera quer en casa, desde la organización defensiva", sinala.

Vixilancia especial merecerá o dianteiro Cedric, que acumula 4 goles nos 3 últimos partidos, pero non será o único nome importante sobre o verde nun plantel confeccionado para pelexar polo salto de categoría.

No Pontevedra, ademais do lesionado de longa duración Javi López, só causa baixa Romay por sanción, estando o resto do plantel dispoñible e convocado para a cita, debendo realizar algún descarte para elaborar a lista definitiva xa no propio estadio.

Pola súa banda o Fuenlabrada tamén chegará á  Boa Vila con todo o seu potencial, xa que o defensor Suly é a súa única ausencia.

As entradas para o partido fixáronse en 25 euros para a bancada de Tribuna, 15 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos, e a arbitraxe correrá a cargo do estremeño Francisco José Hernández Maeso.