Pontevedra e Guijuelo, papeis cambiados unha volta despois

Pontevedra
08 de xaneiro 2016
Actualizado: 09 de xaneiro

O cadro salmantino iniciou a liga como un dos aspirantes aos catro primeiros postos, pero tras arrincar con forza atravesou unha xeira negativa de resultados que lle fixo perder posicións. A deste domingo será a terceira vez que ambos os equipos se enfrontan esta tempada, gañando o Guijuelo as dous anteriores

Partido de Copa do Rei entre Guijuelo e Pontevedra
Partido de Copa do Rei entre Guijuelo e Pontevedra / www.salamanca24horas.com

Será o terceiro enfrontamento esta tempada entre Pontevedra e Guijuelo, tras os xogados na primeira xornada de liga e na Copa do Rei, saldados ambos con triunfo salmantino pola mínima, pero as circunstancias que rodean ao choque do próximo domingo (17:00 horas) no Municipal de Guijuelo deron un envorco.

O cadro salmantino arrincou a tempada como un dos aspirantes para pelexar polos catro primeiros postos, e non só o demostrou en Pasarón (0-1), senón que conseguiu tres vitorias e un empate nas catro primeiras xornadas.

Sen embargo, o equipo adestrado por Rubén de la Barrera sufriu unha baixada de rendemento que lle fixo encadear catro derrotas consecutivas e distanciarse dos postos de privilexios. De feito, o Guijuelo chega á cita no posto 12 con 27 puntos tras perder sete do últimos nove partidos de liga.

No lado contrario o Pontevedra chega con máis moral que nunca á cita coa intención de vingar a eliminación copeira no Municipal de Guijuelo. Os de Luisito recuperáronse dun inicio de liga complicado para ascender ata os postos de play-off grazas a unha impresionante xeira na que encaixou unha soa derrota nos últimos doce encontros de liga. Ademais os granates non perden fóra de casa desde o mes de setembro.

Con todo Luisito non se fía dun rival que no seu campo mostra a súa mellor cara. O técnico de Teo encara a xornada coas ausencias coñecidas de Álex Fernández e Adrián Mouriño.

CARNERO E LLOVES CAEN DA CONVOCATORIA

Despois do último adestramento da semana e antes de partir rumbo a Guijuelo, Luisito fixo pública unha convocatoria na que a principal novidade é a ausencia de Pablo Carnero e de Lloves, tendo en conta que o gardameta ten un pé fóra do club.

No seu lugar viaxa Luís, ata agora porteiro do filial, nunha lista que completan: Edu, Anxo, Bruno, Miguel, Campillo, Capi, Tomás, Pedro, Jandrín, Queijeiro, Kevin, Jacobo, Adrián, Verdú e Borjas.