Pontevedra enche de deporte e igualdade co Tour Universo Muller

Pontevedra
07 de marzo 2020

Con motivo da celebración da 17 edición do Tour Universo Muller, que este ano coincide coa celebración do Día Internacional da Muller, a cidade do Lérez encheuse de diferentes actividades deportivas e lúdicas abertas a todo aquel que queira participar

Actividades do Tour Universo Muller na Avenida Montero Ríos
Actividades do Tour Universo Muller na Avenida Montero Ríos / PontevedraViva

O Tour Universo Muller chegou a Pontevedra.

Con motivo da celebración da 17 edición do gran evento, e coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, a cidade do Lérez encheuse de diferentes actividades deportivas e lúdicas abertas a todo aquel que queira participar.

O Tour, que comezou o pasado venres co ciclo de charlas do Foro Universo Muller, tivo o seu acto inaugural este sábado ás 12:00 horas na avenida de Montero Ríos coa apertura da carpa na que se atopan dezaseis prazas onde diferentes clubs da cidade participarán durante os dous días que dure a celebración coa intención de visibilizar a presenza da muller no deporte.

En canto aos deportes que se mostran son tríatlon, ximnasia, rugby, balonmán, bádminton, hóckey herba, piragüismo, fútbol, voleibol, atletismo, tenis de mesa, deportes de xeo,  karate,  boxeo, esgrima e surf sen ondas.

Cada unha das federacións conta cun posto informativo e unha pista recreativa-polideportiva onde se poden practicar as diferentes modalidades deportivas ademais de ver as exhibicións dos clubs.

Con motivo da cita, na inauguración contouse cun gran maratón de fitness e coa exposición denominada ' Expotour', onde se repasa a historia do deporte feminino español desde as pioneiras ata as grandes promesas que acudirán aos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

O broche de ouro para esta gran festa do deporte e da igualdade, será o domingo 8 de marzo a partir das 11:00 horas coa celebración da carreira solidaria 'Pontevedra en Forma pola Igualdade'. A proba será de case 5 quilómetros polo centro da cidade e poderá participar todo o que queira a partir dos 12 anos,  incribiéndose antes e pagando 4€ máis gastos de tramitación que irán destinados de maneira íntegra a Fademur (Federación de  Asociacións de Mulleres  Galegas).