Pontevedra acollerá do 6 ao 11 de xullo o Campionato de Europa U17 de pentatlón moderno, unha cita internacional que reunirá na cidade a máis de 200 deportistas de máis de 20 países e que volverá situar á capital do Lérez no circuíto de grandes eventos deportivos.
O evento foi presentado este mércores pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o presidente da Federación Española de Pentatlón Moderno, Carlos Jiménez; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos.

A competición desenvolverase principalmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e no Complexo Deportivo Rías do Sur, nun formato que incluirá probas individuais masculinas e femininas; remudas masculinas, femininas e mixtas; e competicións por equipos.
Durante a presentación, Gulías defendeu a aposta do Concello por proxectar Pontevedra ao exterior da man de citas deportivas internacionais, lembrando ademais que a cidade vén de acoller a Copa do Mundo de Natación Artística e que se atopa ás portas da Gran Final das Series Mundiais de tríatlon.
O campionato permitirá ver en acción á futura elite europea dunha disciplina olímpica aínda pouco coñecida pero moi complexa tecnicamente ao combinar cinco especialidades: esgrima (espada a un toque), natación (200 metros libres), unha carreira de obstáculos, e o laser run, que fusiona 3.000 metros de carreira a pé cunha parada cada 600 metros para disparar con pistola láser. Os deportistas deberán completar unha rolda de tiro antes de seguir correndo.
A competición arrincará coa esgrima, que establecerá o ranking inicial, e avanzará polo resto de probas en función da puntuación dos deportistas.
Carlos Jiménez destacou o valor do evento como impulso para este deporte en Galicia e confirmou a participación da selección española, que estará formada por cinco homes e cinco mulleres. Tamén puxo en valor a incorporación da proba de obstáculos, que fará a competición máis atractiva para o público.
O evento incluirá ademais unha competición internacional paralela de parapentatlón, na que participarán cinco deportistas.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, incidiu no bo momento do deporte galego e na importancia de seguir impulsando a organización de eventos internacionais deste tipo de citas para reforzar a imaxe de Galicia no exterior.
