As arbitraxes non están a facer xustiza para o Pontevedra nas últimas xornadas. O cadro granate adiantouse no marcador cun golazo de Yelko e Reniero devolveu a igualdade cun golpeo desde a súa casa.
Xa no tempo de desconto, Miki Bosch rematou unha xogada a balón parado para pór por diante aos locais. O tanto foi anulado en directo polo asistente e confirmado tras a revisión pola colexiada.
O motivo, un presunto fóra de xogo de Vidorreta que intervén na xogada despois de que o balón tocase nun xogador do Club Deportivo Lugo.
Marqueta partiu en portaría e o centro da zaga, como habitualmente, foi para Montoro e Miki Bosch. Vidorreta actuou no lateral dereito e a primeira novidade foi a de Garay no carril esquerdo para suplir ao sancionado Miguel Cuesta.
O que se estreou como titular foi Rubén López, que actuou xunto a Yelko Pino na medular. As bandas foron para Diego Gómez e e Alberto Gil, Brais Abelenda actuou na mediapunta e a lanza de ataque foi para Compa.
A primeira foi para o Pontevedra cunha falta desde o vértice golpeada por Diego Gómez que Marc despexou de puños. Dominou o conxunto granate nuns primeiros minutos nos que o Lugo non puido facerse dono do balón.
O primeiro susto para a escuadra lerezana chegou nunha perda de balón de Marqueta no minuto 10. O meta aragonés errou no seu pase ao ser presionado por Jorge Gonzáez e Alberto Gil remediouno cunha gran recuperación. A ocasión foi illada, pois os de Rubén Domínguez volveron axexar a área lucense cun gran centro do propio Alberto Gil que Brais Abelenda chegou a peitear á altura do punto de penalti.
Tras varios minutos sen demasiados sobresaltos entrou en acción o FVS solicitado por Rubén Domínguez por unha posible vermella sobre Jorge González. Nunha disputa polo balón, o xogador do Lugo golpeou co seu brazo a Miki Bosch provocándolle unha visible brecha á altura da cella.
Con todo, a colexiada non cambiou a súa decisión e sinalou falta do xogador granate, que viu o cartón amarelo. Con esta amoestación Miki cumpre ciclo e perderase a próxima xornada.
Continuou buscando o gol con entusiasmo un Pontevedra que estivo preto de adiantarse nunha xogada a balón parado. Yelko puxo unha falta lateral no segundo pau e Miki Bosch, que rematou un tanto forzado, atopouse coa resposta de Marc.
A cinco minutos do descanso volveu inquietar o cadro lerezano. Garay sacou un centro con moito perigo ao segundo pau e Diego Gómez non acertou a rematar entre o tres paus. A pesar do dominio granate no primeiro tempo, o encontro chegou ao ecuador con táboas no marcador.
O ex granate Kevin Presa tivo que ser sustituído no descanso por problemas físicos. No seu lugar entrou Samanes, que viu a primeira amoestación do equipo lucense ao derrubar a Brais Abelenda no vértice da área. Diego Gómez golpeou á barreira e Yelko, que recolleu o rexeite, mandou o balón por encima do traveseiro.
Transcorreron os minutos cun Pontevedra máis protagonista que o equipo de Yago Iglesias, aínda que sen ocasións claras de gol. Diego Gómez puido desatascar un partido trabado cun gran pase filtrado a Compa. O dianteiro de Pontecesures recibiu na área e foi derrubado por José Amo nunha xogada moi protestada pola parroquia granate. Con todo, Rubén Domínguez non solicitou a revisión.
Si o fixo cinco minutos despois, no minuto 68, para pedir unha posible expulsión de Samanes por agresión a Garay. Acertou Rubén Domínguez, pois Olatz Rivera non lle mostrou vermella directa ao xogador do Club Deportivo Lugo, pero si a segunda amarela que supuxo a súa expulsión por ese cobadazo ao xogador do Pontevedra.
Os do Lérez disputarón en superioridade numérica os últimos 20 minutos e o técnico ourensán deu entrada a Alain e Luisao para achegar frescura ao ataque local. Con todo, o encargado de estrear a conta do conxunto lerezano foi un ex do equipo lucense.
Unha falta desde fóra do semicirculo da área no minuto 78 foi argumento suficiente para que Yelko Pino asumise galóns de capitán e inventase un golpeo doutra categoría imposible para Marc Martínez. O meta do cadro lucense rozou coa súa estirada un esférico que entrou, con maxia, pola escuadra esquerda da portaría de Fondo Sur.
𝙈𝙄𝙂𝙊𝙎 𝙎𝙀 𝙇𝙇𝘼𝙈𝘼𝙉 𝙔𝙀𝙇𝙆𝙊 𝙋𝙄𝙉𝙊!
🪄 𝗘𝗹 𝗺𝗮𝗴𝗼 𝗱𝗲𝗹 @PontevedraCFSAD 𝘀𝗲 𝗶𝗻𝘃𝗲𝗻𝘁𝗮 𝘀𝘂 𝗺𝗲𝗷𝗼𝗿 𝘁𝗿𝘂𝗰𝗼.
📺 @LaLigaPlus y @MPlusDeportes #PontevedraCFLugo | #PrimeraFederación | #VersusELearning pic.twitter.com/CPXZY34QPE
Tras 84 minutos sen disparar entre o tres paus, Reiniero inventouse un golpeo desde a súa casa que, do mesmo xeito que a falta de Yelko, quitoulle as telarañas á portaría de Marqueta. Durou pouco a alegría na parroquia granate, que volvía ter a difícil misión de porse por diante no marcador.
O destino quixo castigar ao Pontevedra de novo no tempo de desconto. Unha xogada a balón parado no minuto 92 terminou cun remate de Miki Bosch no segundo pau que logrou baatir a Marc.
Con todo, o asistente Antonio Luna levantou o banderín para sinalar un suposto fóra de xogo de Vidorreta, que tocou un balón que viña rexeitado dun xogador do Club Deportivo Lugo.
Tras unha longa revisión, a colexiada decidiu manter a súa decisión e anular o tanto para privar aos de Rubén Domínguez de sumar o tres puntos. Unha nova decisión controversial que, unida á do partido fronte ao Real Madrid Castela, penaliza gravemente ao conxunto granate.
Aínda por riba, Alberto Gil viu o cartón vermello desde o banco polas protestas no desconto. Na rolda de prensa posterior ao partido, Rubén Domínguez asegurou que a expulsión do xogador granate é "inventada" xa que foi "Manu Barros quen lanzou unha botella".
O Pontevedra termina a xornada tres puntos por encima do Club Deportivo Lugo, que gana o golaverage particular ao conxunto granate.
PONTEVEDRA CF (1): Marqueta, Miki Bosch, Brais Abelenda, Yelko Piñeiro, Vidorreta, Rubén López, Garay (Garay, min. 75), Alberto Gil (Luisao, min. 75), Diego Gómez, Compa (min. 83) e Montoro.
CD LUGO (1): Marc, Yago Rodríguez (Iago López, min. 88), Garriz, Gallar (Lago Junior, min. 74), Pere Haro, Jorge González (Teofilovic, min. 88), Álex Balboa, Neco Celorio (Reniero, min. 60), Kevin Presa (Samanes, min. 46), Amo e Unzueta (Santos, min. 74).
Árbitra: Olatz Rivera (País Vasco), auxiliada nas bandas por Antonio Luna e Daniel Sánchez, con Alberto Sánchez como cuarto colexiado. Amoestou a Miki Bosch (29´), Diego Gómez (34´) y Garay (37´) por parte do Pontevedra e a Samanes (57´)(71´), Amo (76´) e Garriz por parte do Lugo. Tamén amoestou a Rubén Domínguez (37´) e a Adrián Ábalo (63´) no banco do Pontevedra e expulsou ao xogador Alberto Gil (95´) dende o banco.
Goles: 1-0, Yelko Pino, min. 78. 1-1, Reiniero, min. 84.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 do grupo I de Primeira RFEF disputado no Municipal de Pasarón diante de 4.343 espectadores.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.