O Pontevedra recibe un Lugo que "está en todas as quinielas para poder loitar polo playoff"

Pontevedra
20 de febreiro 2026

Rubén Domínguez explicou en rolda de prensa a importancia do derbi deste sábado e destacou a chegada de Facu Ballardo, "un xogador hipercompetitivo e que creo que vai gustar moito"

Partido entre Pontevedra CF e Arenteiro en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Arenteiro en Pasarón / Cristina Saiz

Pasarón acollerá este sábado ás 18:30 un apaixonante derbi galego correspondente á xornada 25 de Primeira RFEF. O Pontevedra, terceiro na clasificación, recibe un Club Deportivo Lugo que axexa tres puntos por baixo. Os de Yago Iglesias chegan sextos a un encontro clave para as aspiracións de ambos os dous equipos.

Rubén Domínguez arrincou a súa habitual rolda de prensa previa ao partido comentando o estado do plantel. As baixas confirmadas para o sábado son a de Miguel Cuesta, que cumpre sanción pola expulsión da pasada fin de semana; e a de Álex Gonzálex, que "está cun tratamento e esperemos a ver canto tempo tardamos en recuperalo", afirmou o técnico ourensán.

Doutra banda están Luisao e Alain. Ambos os dous chegan ao partido "limitados" aínda que "Alain un pouquiño máis, pero están para dispor de minutos", engadiu Domínguez.

O adestrador do Pontevedra valorou a chegada de Facu Ballardo: "Había que traer un medio centro, un medio centro que nos dea experiencia, un medio centro que nos dea pata longa, un medio centro que nos dea competitividade e despois que saiba onde vén. É moi importante iso, porque neste equipo, dixémolo xa desde hai uns meses, hai que saber que o forte é o colectivo". Rubén acentuou a importancia do colectivo sobre o individual ao afirmar que "ninguén nos vai a vir ascender el só nin a conseguir os obxectivos el só e Facu sabe moi ben onde vén".

A realidade é que o mediocentro arxentino é un xogador que o técnico ourensán coñece ben tras terlle nas súas filas no Ourense CF. É por iso que Domínguez sabe "o rol no que nos pode axudar e non teñades dúbidas de que é un xogador hipercompetitivo e que creo que vai gustar moito en Pasarón polo perfil que é".

Cabe destacar que Facu xa se adestrou cos seus compañeiros este venres, aínda que "a un día do partido tampouco fixemos moita cousa, pero o importante é que el vaia collendo rendemento físico óptimo nas próximas semanas e que nos dea rendemento canto antes", explicou Rubén, que definiu ao xogador como "un mix" entre Vidorreta e Tiago". "Igual non ten esas conducións de Tiago, pero ten un golpeo de balón bo, tanto a portaría como de último pase". "É un pouquiño máis ofensivo que Vidorreta", puntualizou.

A importancia do encontro augura un gran ambiente no Municipal de Pasarón. O adestrador do Pontevedra quixo recalcar a importancia de gañar o Club Deportivo Lugo xa que "é un rival que está en todas as quinielas para poder loitar polo playoff". Se o Pontevedra lograse sumar os tres puntos, deixaría ao equipo de Yago Iglesias a dous partidos de distancia e co golaverage empatado.

Xa son 39 puntos na conta do conxunto granate, tres máis que na última tempada do equipo en Primeira RFEF. A pesar de estar a seis puntos do obxectivo primario, a salvación, Rubén explicou que "nós só centrámonos no partido de Lugo, non nos centramos en 40, 42 ou 39, nós centrámonos en gañar como levamos facendo todo o ano". Tamén puxo en valor que o equipo perdeu cinco partidos en toda a tempada, "só un máis que o Tenerife e 4 deles pola mínima".

En relación ao partido do sábado, o adestrador Ourensán foi claro ao explicar que o Lugo "fóra da casa protéxese un pouquiño máis". "Esperamos un Lugo que tente, na medida do posible, facerse coa pelota e nós tentaremos, na medida do posible, quitarlles a pelota e facerlles dano".

Para ben ou para mal, o céspede de Pasarón volverá xogar un papel importante no desenvolvemento do xogo. A pesar de que as previsións meteorolóxicas melloraron e non se espera choiva, Rubén Domínguez foi claro ao afirmar que "unha leira é unha leira mollada e seca, o campo de Pasaron está como está. O club pon todos os medios posibles, pero está claro que hai que actuar sobre el, entón o campo está mal. Por moito que deixe de chover, en dous días isto non se vai a corrixir.

Tras o Tenerífe, Pontevedra e Lugo son os equipos que menos goles encaixan con 19 e 21 tantos en contra respectivamente. O técnico do cadro lerezano concluíu a súa comparecencia dando importancia a este feito e asegurando que "é un patrón desta liga, hai moi poucas remontadas, o equipo que se pon por diante ten moito traballo feito. De feito nós, sempre que nos puxemos por diante, puntuamos". " O porse por diante nesta categoría é moito traballo do partido andado", concluíu Rubén Domínguez.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora