Víctor Eimil pide "que a afección nos arroupe" no derbi contra o Lugo

Pontevedra
19 de febreiro 2026
Actualizado: 14:23

O futbolista do Pontevedra asegura que o equipo granate vai "tentar sacar o tres puntos, como sexa" contra o Lugo para rozar cos dedos xa a permanencia e seguir soñando na Primeira RFEF

Víctor Eimil, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira
Víctor Eimil, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira / Cristina Saiz

A derrota en Cáceres non crebou a confianza do plantel do Pontevedra Club de Fútbol.

"Reseteamos e esta semana a tope cun derbi", lembrou este xoves Víctor Eimil desde a sala de prensa do Municipal de Pasarón.

Un estadio que este próximo sábado 21 de febreiro (18.30 horas) visitará o CD Lugo adestrado por Yago Iglesias.

O futbolista granate lembra que "aínda non cumprimos o obxectivo principal", pero o vestiario traballa co obxectivo de "tentar sacar os tres puntos, como sexa" para rozalo xa cos dedos e seguir soñando con manterse na zona de play-off.

Claro que Eimil, veterano xa na categoria, sabe que será un reto complicado porque "o primeiro ano que xoguei en Primeira RFEF en Irún dixéronme que as últimas 10 xornadas todo o mundo aperta e vivino ese ano, vivino o seguinte e ímolo a vivir este ano fixo. Todo o mundo, nas últimas 10 xornadas, xógase as fabas", anticipa.

En canto ao duelo de rivalidade autonómica contra o Lugo, visitará Pasarón un equipo que "quere ser dominante con balón e creo que van tentar facer iso. Ademais fará un día bo e o campo creo que estará medianamente ben para poder xogar". avanza.

Ante ese plantexamento "nós imos facer o noso plan de partido que probamos durante toda a semana para contrarestarles".

Será un duelo no que calquera aspecto pode chegar a ser decisivo, por iso Víctor Eimil pediu "que a afección nos arroupe como sempre. Fágolles un chamamento para para que veñan apoiarnos como foi o día do Ferrol e mesmo máis. Ese foi un día bonito e esperemos que este sexa outro día moi bonito", asegurou con convencemento.