O arxentino Facu Ballardo reforza a medular do Pontevedra

Pontevedra
19 de febreiro 2026

O centrocampista, que coincidiu con Rubén Domínguez no Ourense CF, atopábase esta tempada competindo na India. Chega ao equipo para cubrir a lesión de gravidade de Tiago Rodríguez

Charly e Facu Ballardo, no partido da liga 23-24 entre Pontevedra e Ourense CF en Pasarón
Charly e Facu Ballardo, no partido da liga 23-24 entre Pontevedra e Ourense CF en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten substituto para Tiago Rodríguez, despois da lesión de gravidade do centrocampista.

Desde que Tiago rompese o xeonllo, o club granate buscaba solucións para reforzar a medular no tramo decisivo da competición aproveitando as dúas fichas sénior que ten dispoñibles a maiores da que deixa vacante o seu futbolista lesionado.

Tentouno con Fede Vico, pero volveu á casa de saída tras romper por sorpresa o acordo co futbolista.

Finalmente o home escollido para esta tarefa é Facu Ballardo, centrocampista de orixe arxentina con anos de experiencia en España en diversos equipos de Segunda B e Segunda RFEF.

Facu coincidiu de feito con Rubén Domínguez no Ourense CF, sendo peza clave daquel equipo que deixou o Pontevedra sen ascenso na campaña 23-24. Tanto é así que Ballardo marcou o segundo dos tantos ourensaninstas na derrota granate por 0-2 en Pasarón que resultou decisiva na competición regular.

Agora volverase a reencontrar co que foi o seu técnico tras un breve periplo na India, nas filas do Malappuram FC, no que aterrara tras competir a pasada campaña no Calahorra de Segunda RFEF.

Tamén defendeu as camisetas de Haro, Atlético Sanluqueño, Tarazona e Formentera.

Agora aos seus 30 anos chega ao Pontevedra "até final da presente tempada", confirma a entidade granate.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora