O Pontevedra rompe o acordo con Fede Vico por "causas alleas ao club"

Pontevedra
09 de febreiro 2026
Actualizado: 22:34

O centrocampista non xogará finalmente no Pontevedra pese ao acordo alcanzado e feito público o pasado venres 6 de febreiro debido a unha situación persoal do futbolista

Fede Vico festexa un gol con Ibiza
Fede Vico festexa un gol con Ibiza / UD Ibiza

Sorpresa no Pontevedra Club de Fútbol, que a última hora deste luns confirmou a desvinculación de Fede Vico coa entidade granate.

O futbolista cordobés, anunciado o pasado venres 6 de febreiro como reforzo de última hora tras a lesión de longa duración de Tiago Rodríguez, non xogará finalmente na Boa Vila.

O acordo alcanzado entre ambas as dúas partes "queda sen efecto por causas alleas ao club", explica o Pontevedra nun breve comunicado.

Detrás escóndese unha situación persoal do propio centrocampista, home cunha longa traxectoria no fútbol profesional e que chegaba a Pasarón tras completar a primeira parte da tempada na UD Ibiza.

Así se desprende das palabras de ánimo do Pontevedra cara a Fede Vico no seu comunicado, no que "mandamos moita forza ao xogador nestes momentos", afirma o club.

Con este xiro de guión a entidade granate volve á casa de saída mirando de novo ás posibilidades que ofrece o mercado de futbolistas en paro para terminar de reforzar o seu plantel.

Para iso contan aínda con dúas fichas sénior dispoñibles máis a que deixou no aire Tiago Rodríguez coa súa lesión.

O centro do campo, para onde chegaba Fede Vico, pero tamén a dianteira pasan por ser as demarcacións que centran todas as miradas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora