Máis aló da polémica, e o sabor amargo de non poder sumar tres puntos merecidos que terían suposto todo un aval a nivel clasificatorio, o Pontevedra Club de Fútbol saíu reforzado da 'batalla' librada este domingo fronte ao Real Madrid Castilla no Estadio Municipal de Pasarón.
Os granates sumaron fronte ao filial madridista a súa décima xornada consecutiva sen perder (seis vitorias e catro empates), nunha serie aínda máis impactante retrocedendo algo máis no tempo xa que só perderon un partido de liga nas últimas 16 xornadas.
Por ese motivo seguen por méritos propios consolidados en zona de play-off de ascenso, terceiros con 39 puntos e 5 de vantaxe sobre o sexto en discordia, o Zamora.
Pero á parte dos números, as sensacións que deixa sobre o céspede o equipo adestrado por Rubén Domínguez é dun bloque que non deixa de crecer, sólido e comprometido que promete agarrarse con uñas e dentes á súa posición de privilexio. Unha actitude que até os recentemente chegados adoptaron nada máis aterrar en Pasarón.
"O Pontevedra traballa con humildade todos os días. Xoga ben neste campo, nun campo que esté un pouco mellor, xoga ben nun campo que esté peor... Somos profesinais e notei que foi un partido de futbolistas contra nenos. Como din aquí hai que roelo, roer neste camnpo, fóra ou onde faga falla", sinalou de feito tras o encontro Diego Gómez, despois do seu primeiro partido na casa como xogador granate.
En todo caso o duelo contra o Castilla deixa varias frontes para preocuparse no Pontevedra.
Por unha banda, e aínda que teña difícil solución antes de final de tempada, no céspede dun Estadio Municipal de Pasarón que aguantou como puido, e que se viu visiblemente danado polas choivas das últimas semanas.
Outra fronte aberta está na enfermaría. Con Tiago fóra de combate e Álex González e Alain Ribeiro aínda en proceso de recuperación, o cambio de Compa por problemas físicos evidenciados xusto antes do descanso acendeu todas as alarmas.
O atacante é o único dianteiro puro do plantel, nun posto que ocupou Joao Resende durante o segundo tempo chegando a anotar o gol que despois foi anulado de forma tan polémica. "Foi un lategazo no pescozo e mareábase. Ata que haxa valoración dos fisios non podo avanzar moito máis", explicou na rolda de prensa Rubén Domínguez tras o encontro.
A súa recuperación pasa por ser un dos focos de interese da semana co duelo do sábado 14 de febreiro (14.00 horas) contra o Cacereño no horizonte.
Ademais os cartóns ameazan con converterse nun problema. Yelko e Miki Bosch viron fronte ao Castilla a súa novena amoestación do curso e quedan a unha da suspensión, sumándose a Montoro e Luisao na nómina de apercibidos. Unha lista da que desaparece o lesionado Aain Ribeiro tras ver unha amarela desde o banco por protestar.
O que se expón a unha importante sanción é o preparador físico granate, Carlos Arosa, expulsado de maneira directa por protestar. O problema radica é que a acta arbitral reflicte que despois da vermella "colocouse na bancada á altura da banda onde quentaban os seus xogadores e exerceu as súas funcións a pesar de ser advertido".
Unha situación que será agora xulgada polo Comité de Competición pero que fai pensar nun castigo de varios encontros de suspensión.