A visita do Real Madrid Castilla a Pasarón non estivo exenta de polémica por un gol anulado a Resende no tramo final do partido. O tanto non subiu ao marcador por un suposto fóra de xogo de Luisao, unha decisión que o técnico madridista, Julián López de Lerma, considerou acertada. "Está ben anulado", afirmou tras o encontro.
O adestrador do filial branco defendeu a actuación arbitral e indicou que "o liña viu algo, entendo que o ten claro. A partir de aí xérase unha situación de caos. O liña falaba de falta, fóra de xogo… Cando vemos as imaxes posteriores, paréceme que o xogador está en situación de fóra de xogo que lle imposibilita o despexe ao noso xogador".
Neste sentido, engadiu que "estamos a ver moitos goles anulados no fútbol profesional desde esa posición que imposibilitan a vista ao porteiro. Ao meu parecer, está ben anulado".
Respecto ao resultado, López de Lerma foi autocrítico e recoñeceu que "o empate, a nós como Real Madrid, nunca nos vale. Imos a todos os campos sempre a gañar". Aínda así, deu valor ao momento obtido dadas as circunstancias do encontro, tanto por rival, como polo estado do céspede.
"Hoxe estaba claro que desenvolver o noso xogo e que as virtudes dos futbolistas se mostrasen ía ser máis complicado. Os rapaces tivéronse que adaptar e fixeron un bo partido. Houbo tramos con máis enerxía, acabou desa maneira... O empate, sobre todo se a semana que vén gañamos na casa, vai ser un gran resultado", aclarou.
O preparador branco explicou que o seu equipo afrontou o encontro sendo consciente da esixencia que supuña o rival e as condicións do terreo de xogo.
"Viñamos xogar contra un rival que sabiamos o que nos ía a esixir. Sabiamos que as condicións do campo ían condicionar moito o noso xogo e tivémonos que adaptar a cousas ás que non estamos afeitos", recoñeceu.
Finalmente, eloxiou a actitude dos seus xogadores, quenes "se adaptaron moi ben ás interrupcións e ao estado do terreo de xogo, que levou a que se fixesen máis faltas do normal. É importante que o equipo saiba xogar ante todas estas interrupcións. Por desgraza, está a ser moi continuo na liga na nosa contra", concluíu.