Ao termo do polémico encontro entre o Pontevedra Club de Fútbol e o Real Madrid Castilla, o adestrador granate, Rubén Domínguez, destacou a solidez do equipo e o bo facer durante practicamente todo o duelo, lamentando, iso si, a falta de acerto en área rival.
"Quizais sobre o minuto 30 da primeira parte até o 45 o partido estivo moi trabado e non foi o noso mellor momento. O resto do partido o Pontevedra estivo espectacular, xerou ocasións de gol, viviu en campo contrario e estivo intenso na presión tras perda. Obrigamos o Madrid, quitando ese quince minutos, a xogar con balóns en longo desde atrás e gañamos eses duelos", afirmou.
"Isto vai de meter goles. Tivemos as nosas ocasións e non as metemos... Metemos unha, pero non subiu ao marcador", lamentou. A pesar diso, "puntuamos, esta é a dinámica a seguir". O equipo conseguiu "outra portaría a cero e agora hai que traballar".
En relación á acción do gol anulado, Domínguez foi claro: "son adestrador, non árbitro".
O adestrador granate tamén aproveitou para analizar a achega dos recentemente chegados.
Para el, "estiveron na liña do equipo. O equipo estivo a un nivel moi alto. Álvaro estivo moi ben na parcela defensiva, deunos eses envíos dunha patada que, case sen cargar, mete balóns moi afastados. Tal e como estaba o campo, foi unha ferramenta importante para a saída de balón. É un xogador estable e con experiencia na categoría".
Sobre Rubén López, "achegou enerxía neses minutos nos que o partido demandaba un punto máis por parte do Pontevedra e axudounos a manter o bo nivel da segunda parte", mentres que Diego "estivo moi ben. Achegou calidade por dentro e desborde por fóra. Tivo unha situación para facer gol, e esas hai que telas, que ao final acaban entrando. É unha pena porque podía culminar o seu gran partido con ese gol", sinalou.
Por último, o técnico explicou que a lesión de Compa "foi un lategazo no pescozo e mareábase. Ata que haxa valoración dos fisios non podo avanzar moito máis".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.