Pontevedra aposta forte polos eventos deportivos. Natación, duatlón ou tenis de mesa uníronse nas últimas semanas ao triatlón, fútbol, piragüismo ou ciclismo. E en breve, chegará o tiro con arco e o balonmán. Pero o Concello de Pontevedra puxo os seus ollos nun novo deporte: o taekwondo. Intentarán que a cidade sexa sede dun campionato de España desta modalidade deportiva.
Así o adiantou, preguntado por PontevedraViva, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. ÿ un dos motivos polos que acompañará ao Mace Sport na súa viaxe a Alicante. O club pontevedrés recibirá en dita localidade levantina o Premio Nacional pola súa promoción deste deporte durante 2012. Recibirao da Federación Española de Taekwondo e cos seus dirixentes espera poder negociar o rexedor capitalino.
"Queremos que Pontevedra acolla un campionato de España", apuntou Fernández Lores quen confirmou que durante a súa estancia en Alacante "imos negociar unha competición aquí". Recordou que Galicia é a "segunda potencia" deste deporte no país e que sería unha boa forma de potenciar a súa práctica en Pontevedra. Nisto terá moito que dicir o Mace Sport, do que o alcalde destacou que "merece un recoñecemento cidadá polo seu labor".
Neste sentido, o fundador do Mace Sport, Miguel Ángel Cortegoso, que recibirá tamén este xoves a medalla de bronce ao Mérito Deportivo, explicou que desde o seu club "llevamos varios años intentando traer cosas a Pontevedra", pero recoñeceu que ata agora, sen éxito. "Casi todos los campeonatos se van para la zona de Alicante, pero esperemos que eso cambie gracias a la intervención del alcalde".
Cortegoso asegura que o Mace Sport preferiría que Pontevedra acollese un campionato de España de clubes "porque así podrían competir nuestros deportistas", pero non pecha a porta a empresas maiores. "Apostamos por un campeonato nacional, internacional o lo que sea", explicou a este portal. "Lo que tenemos claro es que queremos que venga a Pontevedra una competición importante y para ello tenemos que conseguir que confíen en nosotros".