O Pontevedra perfila a súa defensa coa renovación de Álvaro Pérez

Pontevedra
10 de xullo 2026

O defensa valenciano, que chegou ao club no pasado mercado de inverno para cubrir a baixa de longa duración de Juanra, formará parte do equipo de Rubén Domínguez para a próxima tempada

Presentación de Álvaro Pérez como xogador do Pontevedra CF

O Pontevedra Club de Fútbol está a protagonizar unha recta final de semana do máis movida, pois ás renovacións de Álex González e Juanra, a saída de Edu Sousa e a fichaxe de Domingo MBA deste xoves hai que sumar o anuncio da continuidade de Álvaro Pérez no club granate.

O defensor valenciano de 30 anos chegou ao club no pasado mercado de inverno libre procedente do Intercity, equipo co que disputou tres tempadas consecutivas en Primeira Federación.

Fíxoo para cubrir a baixa de longa duración dun Juanra que afronta a recta final da súa recuperación e que tamén disputará a próxima campaña como xogador do conxunto lerezano.

A pesar de levar medio ano no club, Álvaro Pérez demostrou ser un xogador de garantías para a zaga granate actuando como titular, algo que fixo en seis ocasiones, ou partindo desde o banco.

Sumou un total de 672 minutos na segunda metade da competición ligueira e consolidouse como un recambio de garantías para actuar no centro da defensa ou mesmo no lateral dereito.

A súa etapa no conxunto lerezano continúa para reforzar unha parcela defensiva que, na actualidade, conta con Expósito (contrato en vigor), Juanra e o propio Álvaro como centrais, Adrián Argos no lateral destro e os comodines de Vidorreta e Álex González.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora