Pontevedra queda sen Mundial de Dúatlon en 2016 e sen Festival Multideportes, polo menos ata 2019

Pontevedra
27 de maio 2015

Eran as opcións elixidas polo Concello de Pontevedra para volver apostar por unha competición internacional deste deporte, tras o éxito do Mundial de Dúatlon en 2014. As expectativas eran positivas, como confirmou a presidenta da ITU, Marisol Casado, nunha recente visita á cidade. Pero finalmente, o Comité Executivo da federación optou por outras localidades para organizar estes eventos

Marisol Casado, presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, con Miguel Anxo Fernández Lores
Marisol Casado, presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, con Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

Decepción en Pontevedra. A Federación Internacional de Tríatlon virou as costas, esta vez, ás aspiracións da cidade de contar cun novo campionato do mundo a curto prazo. Nin o Mundial de Dúatlon de 2016 nin o Festival Multideportes -un evento que reunirá na mesma localidade os mundiais de dúatlon, acuatlón, tríatlon cross e tríatlon de longa distancia- en 2017 e 2018, se celebrarán en Pontevedra.

Eran as opcións elixidas polo Concello de Pontevedra para volver apostar por unha competición internacional deste deporte, tras o éxito do Mundial de Dúatlon en 2014. As expectativas eran positivas, como confirmou a presidenta da ITU, Marisol Casado, nunha recente visita á cidade. Pero finalmente, o Comité Executivo da federación optou por outras localidades para organizar estes eventos.

No caso do Mundial de Dúatlon será outra cidade española, a localidade asturiana de Avilés, a que acolla esta competición. Dende a ITU aseguran que o éxito conseguido recentemente coa celebración dos Campionatos de España de 2014 e 2015 e a traxectoria da cidade na organización de eventos deportivos foron determinantes nesta designación.

Pero, sen dúbida, Pontevedra tiña maiores esperanzas no Festival Multideportes que o tríatlon estreará en 2017. Non era para menos. Cada edición celebrarase durante dez días na mesma cidade e a el acudirán miles de atletas -ao coincidir na mesma data moitos deles xa non terán que elixir competir nun mundial ou outro-, adestradores e acompañantes, polo que o retorno económico é francamente superior a calquera outra competición.

A cidade do Lérez apostaba por un proxecto baseado na experiencia organizativa de campionatos anteriores, moi ben valorada tanto pola ITU coma pola Federación Española, pero o Comité Executivo decidiu, por motivos que non rematou de explicar, que a elixida sexa a localidade canadense de Penticton. A Pontevedra tampouco virá a edición de 2018, que na mesma reunión deste órgano federativo se concedeu a Odense (Dinamarca). 

Dende o goberno municipal, que soubo este mesmo martes da decisión da ITU, aseguran que tratarán de enterarse dos motivos polos que Pontevedra non foi elixida. Ademais, estudarán se presentan a candidatura da cidade para o Festival Multideportes de 2019, cuxas peticións se poderán enviar á Federación Internacional en próximas datas, ou optan por outro evento ou mesmo por outro deporte para compensar este revés.