O Pontevedra recupera a súa mellor versión a domicilio e suma tres puntos de ouro en Guadalaxara

Pontevedra
19 de abril 2026
Actualizado: 21:21

Vitoria por 1-4 do conxunto granate no Pedro Escartín para escalar até a terceira praza. Diego Gómez inaugurou o marcador e Luisao, Joao Resende e Compa sentenciaron saíndo desde o banco

Partido entre o Deportivo Guadalajara e o Pontevedra CF no Pedro Escartín Pontevedra CF

Vitoria fundamental do Pontevedra Club de Fútbol fronte o Deportivo Guadalajara (1-4) para reafirmar a súa candidatura ao play-off de ascenso a falta de cinco xornadas. Os cambios foron claves para conseguir o tres puntos nun tramo final no que os galegos arroiaron ao cadro alcarreño.

Se algo funciona é mellor non tocalo. Iso debeu de pensar Rubén Domínguez, que apostou exactamente pola mesma aliñación que tan bo resultado deu contra a Ponferradina a xornada pasada.

Deste xeito partiu Marqueta en portaría xunto a unha defensa formada por Miki, Montoro e Vido. O carril dereito ocupouno Víctor Eimil e o esquerdo Miguel Cuesta. A medular foi para Rubén López, que acompañou a Yelko no centro de maquinas. Por diante actuaron Alberto Gil e Diego Gómez con moita mobilidade e a punta do ataque foi para o máximo anotador granate, Alain Ribeiro.

Non era pouco o que había en xogo para ambos os conxuntos, o cal se traduciu nun inicio de partido con máis intensidade que xogo. A iniciativa levouna, iso si, o equipo de Rubén Domínguez.

Apareceu entón Diego Gómez para materializar esa superioridade granate no minuto 14. O xogador cedido polo RC Deportivo recibiu un pase de Alberto Gil en zona de tres cuartos, orientouse cun bo control e bateu a Dani Vicente cun potente e axustado disparo que entrou pegado á cepa do poste.

Este tanto supuxo, ademais, o seu primeiro gol coa camiseta do Pontevedra Club de Fútbol.

Non baixaron o ritmo os lerezanos, que causaron graves problemas á zaga alcarreña con balóns ao espazo. Primeiro foi o propio Diego Gómez quen case sorprende cunha galopada pola banda dereita e, posteriormente, Miguel Cuesta forzou o córner cunha internada desde a esquerda.

Rubén López foi derrubado ao bordo da área nunha das sucesivas chegadas do equipo pontevedrés. O colexiado non sinalou nada en primeira instancia, polo que Rubén Domíngue solicitou a revisión no vídeo-arbitraxe por un posible penalti.

O challenge foi gastado en balde, pois Jorge Tárraga non modificou a súa decisión e a acción quedou en nada.

Tratou de ser máis vertical o Deportivo Guadalaxara no último cuarto de hora da primeira metade, algo que logrou por momentos coa velocidade de Unax. O xogador vasco foi unha das principais armas ofensivas do equipo de Juanvi Peinado.

O propio Unax Álvarez foi quen se animou cun golpeo desde o frontal que Vidorreta desviou a saque de esquina de forma accidentada. O ex da Real Unión de Irún tivo que ser atendido tras repeler o disparo coa cara.

Non puido manter a renda o Pontevedra até o descanso. A melloría dos locais foi evidente nos últimos minutos da primeira parte e David Amigo encargouse de devolver a igualdade xa no tempo de desconto.

A xogada naceu dun erro non forzado da zaga lerezana. Unax roubou o coiro ao bordo da área e Marqueta leu as súas intencións cunha gran intervención. Non tivo fortuna a meta aragonés, pois o rexeite caeu nos pés dun Amigo que non perdóno para pór o 1-1.

Arrancou o segundo tempo cos mesmos protagonistas por parte do Pontevedra e coa novidade de Javi Gómez, que substituíu a Lucas Pérez nas filas alcarreñas. Nos seus pés estivo a priemera ocasion do segundo tempo nun disparo afastado sen perigo para Marqueta.

Tratou de dar un paso á fronte o conxunto granate na segunda metade. Sen apenas ocasións no primeiros quince minutos, Rubén Domínguez moveu o banco cun triplo cambio que terminou sendo determinante. Foron Luisao, Facu e Compa quenes entraron para substituír a Eimil, Rubén López e Alberto Gil.

Isto provocou un cambio de posición de varios xogadores. Luisao e Diego Gómez quedaron situados nas bandas, Alain baixou á mediapunta e Compa foi a referencia en ataque.

A punto estivo de chegar o segundo do Deportivo Guadalaxara no minuto 65. Unax recibiu na dereita moi libre de marca, perfilouse cara a dentro e estrelou no pau longo un disparo que superara a Marqueta. Vida extra para o Pontevedra.

A réplica granate foi inmediata. Facu chegou a liña de fondo e puxo un balón ao segundo pau que Alain rematou alto desde a área pequena.

Insistiron os de Rubén Domínguez e chegou o ansiado gol a 20 minutos do final. Facu filtrou un pase ao espazo para Luisao, que recortou ao meta local co control e anotou a portaría baleira. Volveu mandar o cadro lerezano con 1-2 no marcador.

A celebración non estivo exhenta de risco, pois o valo da bancada onde se atopaba a afección pontevedresa veu abaixo no festexo.

Joao Resende entrou para disputar os minutos finais e o seu efecto foi inmediato. Comezou Luisao unha transición pola banda dereita e xogou con Alain, que recibiu no punto de penalti. O de Sopela deulle continuidade á xogada cun pase a Resende, que recibiu no segundo pau para anotar o 1-3 no minuto 75.

Atopou tranquilidade o equipo da Boa Vila con ese terceiro tanto. A realidade é que o Deportivo Guadalaxara fora especialmente incisivo ao contragolpe xusto antes do segundo gol visitante.

Pediu penalti Rubén Domínguez no minuto 80 por unha posible man que non foi concedido tras a pertinente revisión. Apenas catro minutos despois solicitou a revisión Juanvi Peinado polo mesmo motivo, unha posible man na área granate. O colexiado valenciano ditaminou que non había nada.

O dianteiro de Pontecesures quixo unirse ao festín goleador e fixo o cuarto gol ao bordo do desconto. Iniciou a xogada Joao Resende, que cun gran pase entre liñas atopou a un Compa que non perdoou dentro da área para pór o definitivo 1-4.

Tras oito minutos de engadido chegou ao seu fin un partido que, a pesar do que di o resultado (1-4), non foi tan plácido para o Pontevedra. Foron determinante os cambios, pois o tres últimos goles fixéronos xogadores que entraron desde o banco.

Os de Rubén Domínguez dan un paso de xigante cara ao play-off. O próximo fin de semana haberá unha nova final en Pasarón cun partido de altos voos fronte ao segundo clasificado, o Celta Fortuna.

DEPORTIVO GUADALAXARA (1): Dani Vicente, Lucas Pérez (Javi Gómez, min. 46), Ablanque, David Amigo, Unax (Neskes, min. 70), Raúl Tavares, Víctor, Kike Cadete (Agus Moreno, min. 88), Pablo Muñoz, Miki Muñoz (Samu Mayo, min. 70)e Jorge Casado (Gallardo, min. 96).

PONTEVEDRA CF (4): Marqueta, Eimil (Luisao, min. 59) , Miki Bosch, Alain, Yelko (Brais Abelenda, min. 85), Miguel Cuesta, Vido, Rubén López (Facu Ballardo, min.59) , Alberto Gil (Compa, min. 59), Diego Gómez (Joao Resende, min. 72) e Montoro.

Goles: 0-1, Diego Gómez, min. 14. 1-1, David Amigo, min. 45. 1-2, Luisao, min. 68. 1-3, Joao Resende, min. 75. 1-4 Compa, min. 89.

Árbitro: Jorge Tárraga (Comunidade Valenciana), auxiliado nas bandas por Eduard Martí e Julián Sánchez, con Javier García como cuarto colexiado. Amoestou a Pablo Muñoz (53´) por parte do Deportivo Guadalaxara e a Luisao (69´) e Joao Resende (75´) por parte do Pontevedra.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 33 do grupo I de Primeira RFEF disputado no Pedro Escartín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora