Miguel Cuesta soña en grande: "Subir o Pontevedra a Segunda División sería algo incrible"

Pontevedra
15 de abril 2026

O futbolista asturiano do Pontevedra lanzou "un chamamento a toda a cidade para que nos veña a empuxar nestes últimos partidos", nos que estará en xogo a clasificación para o play-off

Rolda de prensa de Miguel Cuesta no Estadio Municipal de Pasarón
Rolda de prensa de Miguel Cuesta no Estadio Municipal de Pasarón / Alberto de Madrid Lafuente

A seis xornadas para o final da liga regular e co Pontevedra Club de Fútbol en posto de play-off de ascenso, xa ninguén no club granate esconde o soño que supón poder pelexar polo salto de categoría.

Así o reflectiu este mércores en rolda de prensa, en representación do plantel, un Miguel Cuesta que pide soñar en grande.

"Subir o Pontevedra a Segunda División sería algo incrible, poder formar parte da historia do club. Eu creo que é o que pensamos todos", defendeu o futbolista asturiano.

Un Miguel Cuesta ao que lle cambiou moito a vida desde a súa chegada, fai algo máis dun ano, ao Estadio Municipal de Pasarón. Unha decisión, a de fichar polo Pontevedra, na que aterrou "con moitísimas ganas de crecer futbolísticamente e persoalmente. Creo que o estou conseguindo nun club que é incrible, unha boa cidade... E aínda queda o máis bonito", afirmou.

Non será un reto sinxelo, e é que "cada partido vai ser moi duro porque todo o mundo está a xogarse algo". De feito "unha xeira boa pode permitir meterte arriba e dar a sorpresa e unha mala serie pode condenarte, pero creo que nestes partidos romperá un pouco a táboa", analiza.

En canto ao que levou ao Pontevedra a estar nesta posición, Miguel Cuesta ten claras cales foron algunhas das chaves: "Sabemos que somos un equipo de xogadores con moita fame, con ganas de crecer e eu creo que o noso ADN é a competitividade que temos. Non damos ningún partido, ningún balón por perdido. Iso é o que nos levou até aquí".

Asentado xa no lateral zurdo, o asturiano lanzou tamén un reclamo á afección de cara ao tramo final de campionato xa que "aquí coa nosa xente sempre damos un plus e por iso fago tamén un chamamento a toda a cidade para que nos veña a empuxar nestes últimos partidos".

Antes en todo caso aparece no horizonte o desprazamento ao campo dun Guadalajara que se xoga a permanencia. Por iso Cuesta agarda "un partido súper duro a nivel físico e a nivel mental. Eles están a xogar a salvación e vai ser un partido súper complicado".