Pontevedra recupera o seu idilio co ciclocrós

Pontevedra
07 de decembro 2016

A contorna do hipódromo de Campañó acolle este xoves 8 de decembro o I Trofeo Concello de Pontevedra de Ciclocrós, sétima parada da Copa Galicia e que se celebrará nun "circuíto espectacular", aseguran desde a organización

Presentación do I Trofeo Cidade de Pontevedra de Ciclocrós
Presentación do I Trofeo Cidade de Pontevedra de Ciclocrós / Mónica Patxot

Despois de anos de ausencia Pontevedra volverá contar cunha proba de ciclocrós. Non será naquel circuíto de Monte Porreiro, pero si é un novo percorrido "espectacular".

Así define a organziación o percorrido de preto de 2,5 quilómetros deseñado na contorna do hipódromo de Campañó con "zona de escaleiras, subidas, curvas e obtáculos", recoñeceu Pablo Martínez, director técnico do Club Deportivo Pinarium.

Alí celebrarase este xoves 8 de decembro o I Trofeo Cidade de Pontevedra, que será a sétima parada da Copa Galicia da especialidade.

"Esperamos que esto non quede nun trofeo e sexa o punto de partida de algo máis importante", sinalou na presentación da proba a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

Pode que ese "algo máis importante" sexa no futuro un Campionato de España como o que solicitou a Federación Galega de Ciclismo para o próximo ano, segundo confirmou o seu presidente, Juan Carlos Muñiz, aínda que debe decidir a sede en caso de serlle adxudicado.

Un total de 259 ciclistas participarán na competición, que se celebrará desde as 9:45 horas, momento no que se dará a saída á categoría de promoción.

Ás 10:00 horas será a quenda da categoría cadete feminina e masculina e dos veteranos, ás 11:00 horas da proba elite, sub-23 e junior feminina e ás 12:00 horas das categorías elite, sub-23 e junior masculinas.