Sorpresa no Pontevedra Club de Fútbol, que a última hora deste luns confirmou a desvinculación de Fede Vico coa entidade granate.
O futbolista cordobés, anunciado o pasado venres 6 de febreiro como reforzo de última hora tras a lesión de longa duración de Tiago Rodríguez, non xogará finalmente na Boa Vila.
O acordo alcanzado entre ambas as dúas partes "queda sen efecto por causas alleas ao club", explica o Pontevedra nun breve comunicado.
Detrás escóndese unha situación persoal do propio centrocampista, home cunha longa traxectoria no fútbol profesional e que chegaba a Pasarón tras completar a primeira parte da tempada na UD Ibiza.
Así se desprende das palabras de ánimo do Pontevedra cara a Fede Vico no seu comunicado, no que "mandamos moita forza ao xogador nestes momentos", afirma o club.
Con este xiro de guión a entidade granate volve á casa de saída mirando de novo ás posibilidades que ofrece o mercado de futbolistas en paro para terminar de reforzar o seu plantel.
Para iso contan aínda con dúas fichas sénior dispoñibles máis a que deixou no aire Tiago Rodríguez coa súa lesión.
O centro do campo, para onde chegaba Fede Vico, pero tamén a dianteira pasan por ser as demarcacións que centran todas as miradas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.