O Pontevedra, segundo equipo máis tarxeteado de toda a Primeira RFEF

Pontevedra
30 de setembro 2025

Só o Ourense CF supera os granates como equipo máis penalizado polos cartóns no que vai de competición. A pesar diso as amarelas están moi repartidas e aínda non carrexan risco de sanción

Árbitro do partido entre Pontevedra CF e Tenerife en Pasarón
Árbitro do partido entre Pontevedra CF e Tenerife en Pasarón / Cristina Saiz

Só se levan disputadas cinco xornadas de liga na Primeira RFEF, pero é tempo suficiente para empezar a comprobar tendencias e estatísticas dos equipos participantes.

Un deses apartados, o do xogo limpo, non está a ser especialmente positivo para o Pontevedra Club de Fútbol.

Os granates son, de feito, o segundo equipo que máis cartóns recibe de toda a categoría, contando ambos os dous grupos, cunha media de 4 amoestacións por encontro.

En concreto os homes dirixidos por Rubén Domínguez recibiron no que vai de liga 19 cartóns amarelos, ao que se suma a expulsión por dobre cartón que sufriu Montoro no duelo en Ponferrada.

Só o Ourense CF, con 21 amarelas e dúas expulsións, conta con peor balance.

No Grupo I o seguinte equipo con máis amoestacións é o Arenas de Getxo, con 14 amarelas e dúas vermellas, mentres que o Grupo II encabeza a estatística o Betis Deportivo con 18 amarelas e dúas vermellas.

Polo menos esta situación aínda non carrexa risco de sancións no Pontevedra, e é que as amoestacións están realmente moi repartidas.

Sacando a Antonio Montoro con tres cartóns (aínda que só un conta para acumular xa que os outros dous supuxeron a súa expulsión), só catro futbolistas foron amoestados en dúas ocasións: Dani Selma, Álex González. Miki Bosch e Ander Vidorreta.

Pola súa banda viron unha amarela o técnico, Rubén Domínguez, e os futbolistas Marqueta, Víctor Eimil, Brais Abelenda, Alain Ribeiro, Yelko Pino, Luisao, Joao Resende, Marcos Denia e Comparada.