Pontevedra será o venres a capital do atletismo galego con máscara

Pontevedra
12 de agosto 2020

Un centenar de atletas, entre eles varios dos mellores do país, participarán na quinta edición da Festa do Atletismo Galego no Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Presentación da quinta edición da Festa do Atletismo Galego que organiza o Club Atletismo Rías Baixas
Presentación da quinta edición da Festa do Atletismo Galego que organiza o Club Atletismo Rías Baixas / PontevedraViva

O atletismo nacional retoma a actividade en Pontevedra. O Club Atletismo Rías Baixas ten previsto organizar este venres nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva a primeira competición de ámbito estatal na que participarán un centenar de atletas procedentes, a maioría de Galicia, de diversos recunchos do país.

Para facer realidade a organización deste evento foi necesaria a aprobación dun estrito protocolo que non só limita a presenza de deportistas e público no recinto deportivo, senón que require unha serie de medidas de protección entre atletas "inauditas", declara o presidente do club organizador, Gonzalo Méndez.

A normativa de Sanidade en Galicia prohibe a celebración de probas de medio fondo na que os atletas corren en grupo, polo que só haberá probas individuais e nas que se compite por rúa. E ademais, os participantes deberán levar a máscara posta en todo momento, salvo á hora de competir. "Teñen que levala mesmo no quecemento", sostén un atónito Méndez.

O protocolo obriga tamén a ampliar o número de auxiliares para velar polo cumprimento das normas e o persoal alleo á competición limitarase só a adestradores e familiares dos menores participantes.

"Estas limitacións acompañarannos moito tempo pero é bo para fixar conceptos que permitan retomar a actividade física", declarou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentación do evento.

No plano deportivo, Gonzalo Méndez afirmou que a deste venres será a primeira competición importante en España desde a declaración do estado de alarma. Trátase dunha festa que se celebra por quinto ano consecutivo e que, no 2021 coincidindo co Xacobeo e as festas da Peregrina, esperan dar un novo paso adiante.

Aínda así, a situación sanitaria e a falta de probas fixadas no calendario convenceu a moitos grandes atletas para achegarse a competir a Pontevedra co obxectivo de probar o seu estado de forma e mellorar as súas marcas. Tomarán a saída atletas da talla de Jean Marie Okutu, Saleta Fernández, Lida Parada, Mauro Triana, Sofía Negrete ou Arantxa Moreno, moitos deles medallistas en competicións internacionais e campións de España.

Un dos obstáculos que logrou superar a organización foi a participación dos menores de 16 anos. "A Xunta está a deixar fóra das competicións aos cadetes e se isto continúa corremos o risco de perder unha xeración de deportistas", alerta Méndez. Finalmente en Pontevedra competirán este venres corenta atletas de categoría cadete xunto aos xuvenís e absolutos.