Pontevedra súmase ao reto de que Galicia deixe de ser a comunidade que practica menos actividade físico-deportiva

Pontevedra
22 de novembro 2023

O alcalde de Pontevedra asinaba co vicepresidente do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar a adhesión ao Movemento Dous Millóns, que pretende lograr que Galicia aumente en 700.000 o número de persoas que realizan actividade físico deportiva antes de 2030

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Pedro Iglesias, vicepresidente do Clúster Gallego da Industria do Deporte e o Benestar
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Pedro Iglesias, vicepresidente do Clúster Gallego da Industria do Deporte e o Benestar / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores asinaba este mércores con Pedro Iglesias, vicepresidente do Clúster da Industria do Deporte e o Benestar, a adhesión ao Movemento Dous Millóns, que pretende lograr que Galicia aumente en 700.000 o número de persoas que realizan actividade físico deportiva antes de 2030.

Segundo manifestaba o representante da clúster industrial, neste momento Galicia é a última das comunidades autónomas do Estado en práctica de actividade físico deportiva con 1.300.000 usuarios que desenvolven estas accións, un 46,1% da poboación. A primeira é o País Vasco cun 58,9% da súa poboación. 

"É un tema cultural", afirma Pedro Iglesias, "no País Vasco hai máis asociacionismo, máis oferta e todo é máis participativo", argumenta.

Iglesias entende que se se alcanza o obxectivo dos 2.000.000 de persoas realizando actividades deportivas se podería superar a porcentaxe do 70% e "igualarnos a países nórdicos". Por este motivo, tentan que se adhiran ao plan os municipios galegos empezando por Pontevedra e, en próximas datas, tamén se incorporarán Santiago, Lugo e Ourense, á espera da confirmación de Vigo e A Coruña. Despois buscarán que se somen tamén concellos máis pequenos.

Segundo manifestan desde a clúster industrial, cada persoa que pasa de ser sedentaria a practicar actividade física supón un aforro de 1000 euros por persoa á sanidade pública. Ademais, cada persoa que pasa a realizar deporte gasta unha media anual de 200 euros, un total en conxunto de 42 millóns de euros anuais que impactan no sector da industria do deporte, actividade física e o benestar.

A idea desde esta organización é que se desenvolvan campañas, actividades municipais e explotación de espazos deportivos para fomentar que a cidadanía se implique nestas iniciativas beneficiosas para a saúde.