Hugo Chamadoira queima unha etapa máis dentro das categorías inferiores da Selección Española de Fútbol.
O dianteiro pontevedrés, que marcara un dobrete no mes de abril no primeiro partido da historia do combinado nacional sub-14, subiu agora un nivel coa súa segunda citación Sub-15.
A anterior chegara a finais do mes de agosto para unhas xornadas de adestramento e seguimento, pero a diferenza radica agora nos encontros oficiais que disputará.
Chamadoira é un dos 23 futbolistas seleccionados polo técnico David Gordo para participar en Sofía, Bulgaria, no Torneo Desenvolvemento UEFA que arrinca este venres 18 de outubro e que se prolongará até o día 23.
Na lista tamén está o silledense David Sueiro.
Tanto Sueiro como Hugo Chamadoira militan actualmente no equipo cadete do Celta de Vigo. No caso do pontevedrés tras formarse inicialmente no Portero 2000 até chegar á categoría infantil, desde onde deu o paso á canteira celeste.
España debutará no Torneo Desenvolvemento medíndose este venres ao equipo local, Bulgaria, e xogará tamén o domingo 20 contra Islandia e o mércores 23 fronte a Gales.
Toda unha oportunidade para seguir destacando como unha gran das grandes promesas do fútbol pontevedrés, galego e español.