A loitadora pontevedresa Lydia Pérez Touriño representará á selección española no XXIII Gran Premio de España de Loitas Olímpicas, que se celebra desde hoxe venres 4 ata o domingo 6 de xullo no Pavillón Central do Consello Superior de Deportes en Madrid.
A deportista do Club de Loita Pontevedra, quen en xuño revalidou en Barcelona os seus títulos de campioa de España tanto en loita olímpica (categoría 62 kg) como en loita praia (70 kg), forma parte da selección nacional feminina absoluta xunto a outra galega, Nerea Pampín Blanco (Club Keltoi de Vila de Cruces), que competirá na categoría de 65 kg.
O prestixioso torneo madrileño, incluído no calendario oficial da United World Wrestling (UWW), reúne a máis de 200 deportistas de 36 países, consolidándose como unha das citas internacionais máis relevantes do verán.
A competición desenvólvese simultaneamente en tres tapices, abarcando as tres disciplinas olímpicas.
Entre as delegacións destacan potencias mundiais como Kazajistán, Porto Rico, Venezuela ou Canadá, ademais de países europeos de primeiro nivel como Polonia, Alemaña ou Francia, que acode con varias das súas mellores loitadoras femininas.
A edición deste ano promete manter o altísimo nivel da pasada tempada, cando varios dos participantes posteriormente subiron ao podio nos Xogos Olímpicos de París 2024.
As deportistas galegas estarán acompañadas polos técnicos Rubén Méndez e Marcos Miragaya, ambos os dous do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra. Ademais, o colexiado galego Daniel Fernández Vázquez será o único representante do Colexio Galego nesta cita internacional como árbitro.
Tras o Gran Premio, Pérez e Pampín participarán nunha concentración internacional en Madrid do 7 ao 12 de xullo, onde adestrarán con algunhas das mellores deportistas do mundo.
O torneo está dispoñible, vía streaming, a través da canle de Youtube de Scorizer cada día de 10.00 a 14.00 horas (roldas ata semifinais) e de 16.30 a 19.30 h. (repescas e finais).