Portas estréase no calendario autonómico de RallyMix

Umia
16 de novembro 2021

A proba automobilística, que pecha o campionato galego de RallyMix 2021, foi presentada este martes na Azucreira de Portas. Celebrarase os días 28 e 29 de novembro

Presentación do I RallyMix de Portas
Presentación do I RallyMix de Portas / Xunta de Galicia

O Campionato Galego de RallyMix, carreiras automobilísticas cun trazado mixto de terra e asfalto, prepárase para a súa traca final cunha proba moi esperada.

Trátase do I RallyMix de Portas, que se estrea no calendario e faino ademais como última cita puntuable do certame autonómico na súa edición de 2021.

Un lugar sinalado do municipio como a Azucreira foi escenario este martes da presentación oficial da competición, organizada polas escuadras Viva Eventos Deportivos e Charli Romeo, contando coa presenza entre outros do alcalde, Ricardo Martínez, e do delegado territorial da Xunta de Galicia, Luís López.

O I RallyMix de Portas celebrarase os días 27 e 28 de novembro cun percorrido de 8,7 quilómetros dos que 8,5 serán cronometrados, e que se fará público horas antes do evento.

Está previsto completar cinco mangas cronometradas, tres delas desde as 12.30 horas do sábado 27 e as dúas últimas o domingo desde as 9.00 horas.