Positiva estrea do Pontevedra en Redondela

Pontevedra
30 de xullo 2015

Os granates venceron con comodidade por 0-2 no seu primeiro partido de pretempada, que serviu para ver por primeira vez en acción ás novas caras do equipo. Borjas Martín e Tomás Abelleira, autores dos goles na primeira metade

Borjas Martín ante o Choco no seu primeiro partido co Pontevedra
Borjas Martín ante o Choco no seu primeiro partido co Pontevedra / Diego Torrado

Apenas levan traballando unha semana, pero a primeira posta en escena do Pontevedra esta tempada botou conclusións positivas para Luisito.

Os granates derrotaron con comodidade o Choco (0-2) en Redondela nun encontro no que o técnico de Teo aliñou dous equipos, un en cada tempo.

No primeiro o Pontevedra mostrouse dominador dende o inicio, con chegadas claras, que se traduciron pronto nos dous tantos do partido.

Ao cuarto de hora de xogo Borjas Martín aproveitaba un bo servizo de Jacobo para estrearse como goleador no seu primeiro choque como granate, mentres pouco despois foi Tomás Abelleira o que fixo o 0-2.

O Choco apenas inquietou, pero tivo algunha oportunidade tras o segundo gol visitante.

O partido baixou de intensidade no segundo acto, no que o marcador xa non se movería.

A excepción do recén chegado Ramón Verdú, os afeccionados puideron ver en acción ao resto de fichaxes (Jandrín, Micky, Álex Fernández e Borjas Martín), ademais de ao lateral Miguel Loureiro, que se encontra a proba tras o seu paso pola canteira do Celta.

O próximo compromiso amigable do Pontevedra será o do próximo sábado 1 de agosto ante o Real Valladolid en Pasarón.