A menos dun mes de que se teña que xogar a clasificación olímpica, Bea Gómez Cortés segue sumando quilómetros de preparación na piscina.
O Open de Madrid foi a fin de semana a última parada ata o momento da deportista pontevedresa, nunha competición na que sumou resultados positivos.
A nadadora do Galaico impúxose nas probas dos 200 e 400 estilos, con marcas de 2:18.92 e 4:49.75 que non lle valerían para estar en Tokyo pero que supoñen un paso máis na súa preparación co obxectivo de chegar en plena forma á cita clave, o Campionato de España Open de Primavera que se celebrará do 1 ao 5 de abril. Alí é onde deben conseguirse esas mínimas que demostrou ter dentro e que lle servirían para clasificarse para os que serían os seus segundos Xogos.
A súa participación en Madrid completouse cun rexistro de 8:47.23 no 800 libre que lle valeu para ser a mellor muller nesta proba, que se disputou en formato mixto, mentres que foi segunda nos 200 braza (2:37.68).
Pola súa banda María Vilas, presente tamén no open madrileño, foi terceira na 200 bolboreta e quinta no 800 libre.