Ten o Arosa esta tempada a sorte de contar no aspecto físico cun profesional amplamente coñecedor da materia como é Ezequiel Rey. Non obstante, algúns síntomas observados determinan a ollos dos veteranos seguidores arlequinados que quizais a tempada se empeza a facer demasiado longa para as pernas dos xogadores.
Un exemplo, os innumerables saques de esquina e faltas sacadas, nas que o lanzador non era capaz de levantar o balón en condicións vantaxosas de xogo para os atacantes arosistas. Eses ollos sabios que transmiten a berro unha vez que se repite a mesma xogada "para sacar mellor os cornis hai que comer mais... ".
Isto non é máis que unha anécdota do reflectido na Lomba. Aínda que hai algunha excepción, como o centro extraordinario, que se saca da chisteira o lateral Santi malia a presión do contrario na mesma bandeirola de córner e que provocou unha das oportunidades de gol máis claras da tarde, xa na segunda parte.
Oportunidades que no primeiro tempo escasearon, ata o extremo de que non se produciu disparo ningún a porta por ningún dos dous equipos. Na reanudación un disparo moi perigoso de Cheri, aos 28 minutos, e unha xogada perfectamente combinada polo equipo local, á que lle faltou a guinda do gol, ao irse por enriba da travesa o disparo de Eloy cando discorría o minuto 34. E pouco máis.
Sobre os visitantes moi pouquiño que contar. En verdade que sorprende que a armazón deste equipo se clasificase para os play-off noutras tempadas, porque a impresión causada nesta ocasión na Lomba está acorde co visto no partido, apenas nada de nada.
Pero en fin, isto é o fútbol. Queda confiar no bo traballo dos técnicos arosistas, para recuperar o ton do equipo mostrado a comezos da tempada, para finalizar esta co bo sabor de boca coa que a comezou.
AROSA SC (0): Vila; Santi, Freire, Munín, Martín; Jesu (Cheri, min. 68), Jonathan, Pablo Pillado (Vixo, min. 88), Nando, Eloy (Ramón, min. 80); e Quique Cubas.
RÁCING VILLALBÿS (0): Jose Ángel; López, Álex, Josito, Borja; Javi Varela, Pablo Vivero, José Varela, Justino (Hugo, min. 89), ÿscar Martínez (Efrén, min. 79); e Nico (Álvaro, min. 70).
Árbitro: Julio José Martínez Barral (Santiago), auxiliado nas bandas por Alberto Zas Varela e Borja Santos Romero. Amoestou a Munín, Quique Cubas, Freire e Cheri polo Arosa, e a López, Pablo Vivero e Álex polo conxunto visitante.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Uns 400 afeccionados.