Precaución con Pablo Carnero e Adrián Gómez

Pontevedra
09 de setembro 2015

Os dous futbolistas arrastran diversas molestias físicas, pero cóntase coa súa presenza no choque da próxima fin de semana en Villaviciosa. Non así con Miguel Loureiro, que continúa traballando a menor ritmo que os seus compañeiros

Pablo Carnero e Anxo adestrando en Príncipe Felipe
Pablo Carnero e Anxo adestrando en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol retomou este mércores os adestramentos tras unha xornada de descanso pendente do estado físico de dous dos seus futbolistas, Pablo Carnero e Adrián Gómez.

No caso do segundo, as alarmas saltaron ao verse obrigado a pedir o cambio o pasado domingo por problemas musculares, se ben a súa evolución nas últimas horas foi positiva e debería chegar en condicións ao encontro do próximo domingo (17:30 horas) en Asturias ante o Lealdade.

Con todo o lateral, que traballa xunto ao resto do grupo, o fai con precaución para evitar que se reproduzan os problemas.

Caso similar é o de Pablo Carnero. O dianteiro debería retornar á convocatoria tras cumprir un partido de sanción, pero preocupa o estado do seu xeonllo, que o obrigou a retirarse dun adestramento a pasada semana.

Este martes acudiu a realizarse probas médicas, sen que se detectase lesión algunha, polo que dende o corpo técnico confían en que recupere sensacións mentres segue adestrando ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.

O que non chegará ao partido en Villaviciosa será Miguel Loureiro, que dende o encontro de Copa do Rei en Guijuelo adestra a menor ritmo.