O Pontevedra implantará a partir desta fin de semana un sector de animación pensado para a mocidade na bancada de Preferencia, así o anunciou este xoves o director xeral do club, Marcos del Río.
O obxectivo desta medida, que terá continuidade a próxima tempada, é "captar ao público novo e dar voz e cor nunha zona do estadio historicamente portente que foi perdendo fol", recoñece o dirixente.
De forma inmediata, todo aquela persoa que desexe unirse a este proxecto pode facelo independentemente de que sexa peñista ou abonado individual de calquera das catro bancadas do estadio. Aqueles que aínda non son socios teñen a opción de alistarse ás filas granates mediante a retirada dun "miniabono" para os nove partidos que lle restan ao Pontevedra como local esta tempada.
O prezo desta oferta é de 5 euros para os menores de 7 anos; 25 euros, para afeccionados con idades comprendidas entre 8 e 17 anos; e 40 euros, para aqueles granates de 18 a 30 anos. Na modalidade máis cara, o prezo por partido é menor de 4,5 euros. Ademais, acollerse a esta oferta garante un desconto do 25 % no abono da próxima tempada.
Esta bancada de animación, que leva o nome de Bancada Granate, está aberta tamén a abonados de todas as bancadas, que poderán acceder a Preferencia sen custo adicional previa comunicación ao club.
"A aspiración do club é traer máis novos a Pasarón e que queden", explica Marcos del Río, citando tamén outras promocións postas en marcha de forma regular esta tempada como as visitas a centros educativos, a repartición de entradas en colexios ou invitacións para Preferencia a entidades deportivas de toda a comarca. "Queremos que collan arraigamento ao club, para que crezan con el e que fagamos de Pasarón un sitio máis rexuvenecido e máis granate", proponse.
REUNIÓN CON PEÑAS E GRUPOS DE ANIMACIÓN
Corren malos tempos para o Pontevedra, tanto a nivel deportivo como social. Desde o club parecen darse conta e, co obxectivo de reconducir a situación, decidiron poñerse ao choio e comezar a tender pontes para, entre todos, sacar a situación adiante.
Un primeiro paso cara á mellora da convivencia no estadio deuse este mércores, coa convocatoria en Pasarón a representantes das principais peñas e grupos de animación do club. O obxectivo desta reunión era o de retomar o contacto directo coa afección e escoitar as súas propostas.
Trátase dunha toma de contacto co tecido da afección que facía anos que non ocorría e del Río explicou que se decidiu facelo neste momento porque "a situación deportiva do equipo non está a xerar un bo clima e tamén puidemos facer cousas mal desde a oficina do club. Xogámonos a permanencia e é o momento para xuntarse e remar cara adiante. Temos un panorama complicado e só se saca adiante entre todos e por iso esta chamada", explicou.
Un dos aspectos que enturba o ambiente de Pasarón son os recorrentes cánticos dunha parte da afección que esixe a dimisión da directiva, unha expresión que desde o club respectan. "En ningún momento díxoselles ás peñas que hai que frear algúns cánticos, a afección canta o que decida que ten que cantar e desde aquí non se vai a frear. Gustar non gusta, pero vai no cargo da directiva", recoñeceu del Río.
Este encontro é só a primeira actuación do que parece un cambio na liña comunicativa do club coa afección. Agora ambas as partes poñerán en común o tratado no encontro e xa están a traballar nunha segunda reunión, na que a reactivación da Federación de peñas será un dos puntos principais da orde do día.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.