Premio á tempada do Pontevedra B, que xogará o seu último partido de liga ante o Portonovo en Pasarón

Pontevedra
14 de maio 2019

O filial granate, xa ascendido a Preferente, recibirá o vindeiro venres 17 de maio ao segundo clasificado o Portonovo, tamén ascendido, nun duelo que decidirá o título de campión de liga 

Partido entre Pontevedra B e Caselas na Xunqueira
Partido entre Pontevedra B e Caselas na Xunqueira / Diego Torrado

A gran tempada do filial é unha das noticias positivas do curso que está a piques de concluír no Pontevedra Club de Fútbol. 

O segundo equipo non só certificou catro anos despois o seu ascenso a Rexional Preferente, senón que se meteu na final da Copa Deputación tras eliminar hai escasos días ao Marcón Atlético.

Todo un logro que quixo premiar a directiva granate permitindo ás novas promesas da canteira gozar do seu último partido de liga no Estadio Municipal de Pasarón.

No coliseo pontevedrés disputarase a derradeira xornada do grupo 5 da Primeira Rexional, este venres (19:00 horas) e ante o segundo clasificado, un Portonovo que tamén logrou ascender de categoría e que chega á cita a só dous puntos de distancia do liderado que ocupa o Pontevedra B, polo que o choque decidirá quen se proclama campión de liga.

A entrada a este encontro será de balde para os abonados do Pontevedra, mentres que a o resto do público deberá pagar 5 euros.

Tras este duelo o colofón ao gran ano do filial chegará o luns 22 de maio coa gran final da Copa  Deputación, partido que se disputará no campo da Lomba de Vilagarcía contra o vencedor do sector vigués do cadro, é dicir, Pontellas ou Choco que se enfrontarán por tal honra este mércores 15.