Preocupación no Pontevedra CF a unha semana de que dea comezo a liga.
O conxunto granate, que deixou unha imaxe preocupante na derrota fronte ao Coruxo do pasado mércores, sufriu un novo tropezo no último amistoso da pretemporada.
E iso que o once escollido por Rubén Domínguez era, a priori, para competir, pero o seu equipo, mesmo despois dos cambios tras o descanso, foi incapaz de facerlle un gol ao CD Boiro de Terceira Federación.
O técnico volveu apostar con Marqueta baixo paus e, xunto a el, Eimil, Expósito, Miki, Alain, Álex González, Brais, Selma, Yelko, Garay e Montoro formaron o once titular, mentres que despois do intermedio entraron Vidorreta, Edu, Juanra, Costa e Conesa.
Co 0-0 despois do tempo regulamentario, o partido foise á quenda de penaltis, na que o Pontevedra se impuxo ao equipo local para levar o Trofeo Memorial Carlos Muñiz.
O debut do equipo lerezano en liga será o vindeiro sábado 30 de agosto fronte ao Cacereño no Estadio Municipal de Pasarón (17:00 horas).