Primeira Carreira e Andaina Solidaria Polilla Ana Vicente en Meaño en apoio á AECC

O Salnés
10 de xaneiro 2026
Actualizado: 10:05

O evento terá lugar o sábado 7 de febreiro na Praza do Concello e recadará fondos para a Asociación Española Contra o Cancro

Carreira en Meaño
Carreira en Meaño / Concello de Meaño - Arquivo

O vindeiro sábado, 7 de febreiro, a Praza do Concello de Meaño acollerá a "I Carreira/Andaina Solidaria Polilla Ana Vicente”, unha cita deportiva e solidaria a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro.

A organización corre a cargo da Asociación de Antigos Alumnos dos Colexios da Garda Civil.

A partir das 11:00 horas dará comezo a carreira, cun percorrido de 10 quilómetros, mentres que ás 11:15 comezará a andaina, de 5 quilómetros.

Tamén se celebrará á mesma hora a Camiñada Pitufos dirixida a escolares, con inscrición gratuíta.

As persoas interesadas poden inscribirse na web carreirasgalegas.com ata o 1 de febreiro.

O prezo da inscrición co dorsal e camiseta é de 12 euros, ou só a camiseta por 6 euros.

Aqueles que non poidan ou queiran participar pero desexen colaborar teñen á súa disposición o chamado "dorsal solidario”, modalidade de doazón.