Primeira derrota do curso para o Pontevedra Rugby Club, no 'semiderbi' contra o Vigo Rugby Club

Pontevedra
27 de abril 2021

O campo de rugby de Monte Porreiro acolleu o seu primeiro partido do curso na Liga Galega, cunha derrota do conxunto local fronte a un Vigo que non lle deu opción

Partido da Liga Galega de Rugby entre Pontevedra RC e Universidade de Vigo
Partido da Liga Galega de Rugby entre Pontevedra RC e Universidade de Vigo / Cristina Saiz

O rugby volveu ao campo municipal de Monte Porreiro tras a activación das ligas autonómicas, aínda que o fixo cunha dura derrota para o Pontevedra Rugby Club (PRC).

O conxunto pontevedrés recibía na terceira xornada da Liga Galega, na que quedou encadrado no grupo sur, a un Universidade de Vigo que renunciou á súa participación en categoría nacional.

Antes, na primeira xornada o PRC descansara e na segunda conseguira un apurada pero importante vitoria no campo de Os Ingleses de Vilagarcía.

Nesta ocasión o Universidade de Vigo non deu opción á sorpresa no 'semiderbi', un encontro con certo aroma de rivalidade sa pola presenza nos visitantes de varios xogadores do Mareantes, que este ano non inscribiu equipo.

A igualdade mantívose durante os primeiros 10 minutos, pero a partir do primeiro ensaio a contenda foise decantando máis e máis en favor do Universidade ata o 0-64 final.

O próximo partido de liga do Pontevedra Rugby Club farase de rogar ata o 15 de maio, cando recibirán en Monte Porreiro a Os Ingleses.