Primeira derrota do Peixegalego na casa tras caer (65-78) ante o Palma Air Europa

Marín
19 de outubro 2016

O Marín Peixegalego perdeu o seu primeiro partido en casa da tempada. Fíxoo por 65-78 ante un Palma Air Europa que fixo valer o seu maior acerto anotador e, sen dúbida, as 48 horas máis de descanso co que chegaban a este partido na Raña que os pontevedreses

Partido entre Peixegalego e Palma Air Europa na Raña
Partido entre Peixegalego e Palma Air Europa na Raña / Diego Torrado

O Marín Peixegalego perdeu o seu primeiro partido na casa da tempada. Fíxoo por 65-78 ante un Palma Air Europa que fixo valer o seu maior acerto anotador e, sen dúbida, as 48 horas máis de descanso co que chegaban a este partido na Raña que os pontevedreses, que xogaron o anterior partido de liga o domingo -os baleares xogaron o venres-.

Os homes de Javi Llorente empezaron o partido con moita solvencia. Liderados por José Simeón e Jason Cain, colocáronse 13-5 nos primeiros minutos. Pero os visitantes remontaron cun parcial de 4-10 cimentado nunha sólida defensa. Só unha canastra de Manu Ferreiro permitiu aos marinenses acabar o primeiro cuarto por diante (18-17).

Pero se houbo un xogador fundamental para os baleares tras a continuación ese foi un Álvaro Frutos sumamente importante co seu xogo para que os seus puidesen voltear de novo o mando do partido. Con Roger Fornas facendo dano na pintura, Palma Air Europa pechou o primeiro tempo con catro puntos de vantaxe (35-39).

Foi tras o paso por vestiarios cando comezou a xurdir a figura do MVP Tim Derksen para un Marín ao que Javi Llorente espoleaba con forza desde a banda.

O tirador foráneo lograba darlle a volta ao encontro (42-39) transcorridos apenas uns instantes pero de novo o bo facer defensivo dos insulars e grazas ao bo facer de Carles Bivià mantivéronse por diante ao termo do terceiro cuarto (55-59).

Con esa igualdade no marcador quedaba todo por decidir no cuarto e último parcial. Pero a falta de acerto do Marín Peixegalego no tiro exterior e a férrea defensa dos baleares permitiron que o triunfo se decantase ao lado visitante co 65-78 final.

Consulta aquí a estatística do partido.