Carlos Pouso xa exerce como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol. O campo de fútbol da Xunqueira I foi escenario este martes da primeira sesión de traballo co técnico vasco ao mando. Un dos primeiros cambios derivados da súa chegada, xa que habitualmente o persoal desprazábase a Cerponzóns.
Eran aproximadamente as 10:45 horas cando xogadores e corpo técnico, aínda sen o segundo de abordo Raúl García vestido de curto, chegaban andando ás instalacións desde o Estadio Municipal de Pasarón. Nas bancadas da Xunqueira, maior expectación do habitual entre medios de comunicación, algúns afeccionados e ata catro membros do Consello de Administración con Juan Abal, Luís Durán, José Antonio Millán e o responsable da planificación deportiva Roberto Feáns, con quen chegou charlando Pouso distendidamente.
Era unha primeira toma de contacto e como tal o adestramento, de recuperación do duelo do domingo ao ser o primeiro da semana, foi lixeiro, especialmente para os titulares do choque ante o Melilla. Eles, tras a fase de quecemento e os primeiros exercicios grupais, retiráronse ao ximnasio deixando ao resto do equipo sobre o verde co adestrador seguindo detidamente as súas evolucións acompañado do preparador físico, Miguel Arcos, con quen se mostrou moi comunicativo.
Do pouco que se puido ver no adestramento, as ganas e intensidade duns xogadores que parten de cero e teñen que gañar un posto no once titular.
NACHO LÓPEZ E BERROCAL, Á MARXE
Os únicos que non compareceron sobre o céspede artificial da Xunqueira foron os lesionados Nacho López e Berrocal, ademais do recentemente operado Javi López. Ambos os dous, que arrastran problemas musculares, centráronse na súa recuperación co fisioterapeuta Manu Barros, o que converte en complicada a súa presenza no duelo da próxima xornada ligueira en Las Rozas.