Primeira vitoria da tempada para o Ravachol nun partido de infarto ante o Benalmádena (4-3)

Pontevedra
06 de novembro 2021

Duelo de altos voos o vivido este sábado no Pavillón Municipal entre o Bádminton Ravachol e o CB Benalmádena, dous equipos que se xogaban moito ao ser rivais directos pola permanencia en División de Honra e que demostraron querer a vitoria en cada partido. Pero finalmente, e de maneira moi axustada, foi o equipo pontevedrés o que gañou por un 4-3 que lle dá os seus primeiros puntos da tempada

Partido entre Bádminton Ravachol e CB Benalmádena no Municipal
Partido entre Bádminton Ravachol e CB Benalmádena no Municipal / Cristina Saiz

Duelo de altos voos o vivido este sábado no Pavillón Municipal entre o Bádminton Ravachol e o CB Benalmádena, dous equipos que se xogaban moito ao ser rivais directos pola permanencia en División de Honra e que demostraron querer a vitoria en cada partido.

Pero finalmente, e de maneira moi axustada, foi o equipo pontevedrés o que gañou por un 4-3 que lle dá os seus primeiros puntos da tempada.

Os primeiros en saltar á pista foron Javier Sánchez e Elena Fernández, que se enfrontaron no dobres mixto contra Malthe Nielsen e Sofía Malsali. Foron os visitantes os que gañaron o primeiro punto da tarde tras vencer, con dificultade e por 07-11, 09-11, 11-08 e 09-11 aos de Pontevedra.

Con todo, no dobres feminino, Ania Setién e Giorgina Bland deron un golpe sobre a mesa para superar a Elena Lorenzo e Ainoa Cuervas por 11-08, 11-03 e 11-08, igualando así a contenda.

Despois foi a quenda do dobres masculino, con Manuel Brea e Javier Sánchez gañando por 11-08, 07-11, 11-09 e 11-01 a Manuel Vázquez e José Molares e poñendo en vantaxe ao Ravachol por primeira vez na xornada. Pero non foi capaz de ampliar o colchón Gabriel Fernández, que cedeu por un claro 07-11, 06-11 e 05-11 no individual masculino ante Malthe Nielsen.

Co 2-2 no marcador, de novo o equipo local adiantouse. Esta vez da man de Georgina Bland, que superou por 11-08, 11-07 e 11-09 a Sofía Malsali, e de novo, lonxe de ceder a vitoria, o Benalmádena devolveu as táboas a un partido no que Benjamín Muir cedeu ante Manuel Vázquez por 07-11, 05-11 e 07-11.

Chegaba o duelo definitivo, onde o que gañase levaría a vitoria. Saíron ao campo Ania Setién e Elena Lorenzo, que demostraron que querían o punto final loitando cada xogada coma se fose a última.

Perdeu Setién cun axustado 10-11 no primeiro xogo, pero remontou, e de maneira clara, facéndose cos seguintes por 11-05, 11-06 e 11-08, dando os primeiros puntos da tempada ao Bádminton Ravachol despois dun duelo de infarto que concluíu en 4-3.