Tras anunciar o Pontevedra Club Fútbol a destitución de Manu Fernández como adestrador do primeiro equipo despois do empate ante o Silva, representantes da entidade e o propio técnico mantiveron unha primeira reunión para negociar a correspondente liquidación.
Tratábase dunha primeira toma de contacto, na que estiveron presentes os conselleiros Enrique Mariño e José Pablo Galván.
Por espazo aproximado dunha hora ambos os dous dialogaron con Fernández, quen lles expresou a súa intención de cobrar as cantidades que ten asinadas no seu contrato ata final da presente tempada.
Este martes producirase un segundo encontro, se ben as posturas entre adestrador e Pontevedra parecen afastadas unha vez Manu Fernández non se mostra disposto a perdoar diñeiro.
Paralelamente os responsables do club granate traballan xa en buscar substituto para que se faga cargo dun equipo confeccionado para loitar polo ascenso, aínda que o relevo non poderá sentarse no banco ata que se resolva a saída de Fernández.
Na casa granate non recoñecen abertamente ningún nome, só traballar cunha lista de futuribles, sen ben nesta aparecen os nomes de Patxi Salinas e Luisito.
DESCANSO PARA O PLANTEL
A saída de Manu provocou a suspensión do primeiro adestramento semanal, que habitualmente se celebrababa na tarde do luns. O técnico non contaba cun axudante titulado, o que deixa no aire quen dirixirá as sesións ata que se incorpore o novo adestrador.