Primeiro paso dos canoístas do Piragüismo Poio e do Breogán no difícil camiño a Río 2016

Poio
01 de decembro 2015

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, o Poio, e Tono Campos e Diego Romero, do Breogán do Grove, participan estes días na primeira das concentracións organizadas pola Federación Española, de onde sairán as embarcacións que buscarán a clasificación olímpica no C-1 e C-2 1.000 metros

Sergio Vallejo e Adrián Sieiro durante un adestramento en Verducido
Sergio Vallejo e Adrián Sieiro durante un adestramento en Verducido / Club Piragüismo Poio Pescamar

O camiño aos Xogos Olímpicos de Río 2016 para o piragüismo pontevedrés pasa estes días por Sevilla.

Alí concéntrase, ata o día 6 de decembro, o equipo nacional de canoa co obxectivo de preparar as embarcacións de C-1 e C-2 1.000 metros que buscarán o pasaporte olímpico o mes de maio na localidade alemá de Duisburg.

Non será un camiño sinxelo ante as poucas prazas dispoñibles e tendo en conta que España mandará unicamente unha embarcación por distancia.

Á concentración convocada pola Real Federación Española de Piragüismo acudiron dous deportistas do Club Piragüismo Poio Pescamar como Adrián Sieiro e Sergio Vallejo e outros dous do Breogán do Grove como son Tono Campos e Diego Romero.

Tamén estaba citado Álex Bernárdez (Piragüismo Poio), que non puido acudir por motivo de estudos.

Completan a nómina de padeeiros galegos André Oliveira (Firrete), Brais Casas (Kayak Tudense) e José Luis Bouza (Kayak Tudense).