Primeiros pasos para o novo proxecto do Arxil

Pontevedra
02 de setembro 2015

O equipo pontevedrés arrancou este martes a pretempada cunha sesión de adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A xamaicana Yanique Gordon, única asuencia no primeiro día de traballo

Adestramento do Arxil no CGTD Mónica Patxot

Despediuse agosto e con el as vacacións para un Club Baloncesto Arxil que este martes 1 de setembro iniciou a súa pretempada.

O primeiro equipo verde celebrou o seu primeiro adestramento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e fíxoo co plantel case ao completo.

Só faltaba a xamaicana Yanique Gordon, que esperan se incorpore ao longo da semana. Polo demais a novidade estivo na outra fichaxe do club, a portuguesa Rosie Duarte, mentres o resto de xogadoras continuan con respecto ao pasado ano.

Na primeira sesión, ás órdendes de Mayte Méndez, estaban Ana Martín, Carla Fernández, Cristina Díaz-Pache, María Lago, María Centeno, Aldara Vázquez, Fany López, Ana Román, Jara Tuda e Sandra Entenza, que non poderá realizar a pretempada con normalidade por asuntos persoais.

Esta situación imprevista, a de Sandra, fai que o plantel aínda non se de por pechado ao estudarse a viabilidade dunha nova incorporación.

O que tampouco estivo no primeiro día de adestramento foi Cuco Rodríguez, e é que o ata agora preparador físico do Arxil aceptou unha oferta para pasar a formar parte do corpo técnico do Club Baloncesto Sevilla de ACB.