O Arxil, satisfeito co desenvolvemento da pretempada

Pontevedra
23 de setembro 2015

O conxunto verde está desde este mércores ao completo coa chegada da pívot xamaicana Yanique Gordon. Aínda afrontarán un partido amigable antes do inicio da Liga Feminina 2  

Rossie Duarte adestrando co Arxil
Rossie Duarte adestrando co Arxil / Mónica Patxot

Con boa parte da pretempada xa superada, o Club Baloncesto Arxil afronta a recta final da súa preparación con boas sensacións, as que deixa trala disputa da Copa Galicia.

Tras perder ante o Cortegada, as verdes venceron a Celta e Ensino nas dúas seguintes xornadas, equipo que competirán tamén na Liga Feminina 2, só evitando o seu pase á final o basket average.

O equipo adestrado por Mayte Méndez foi de menos a máis cun bloque que ata o momento só contaba cunha novidade, a da portuguesa Rossie Duarte, que se axustou con facilidade ao xogo das súas compañeiras, e pese a contar coa baixa de Sandra Entenza.

A outra ausencia ata o momento era a da xogadora chamada a marcar a diferenza na pintura, a xamaicana Yanique Gordon, que se incorpora este mércores aos adestramentos.

Co plantel case ao completo, á espera de que Sandra poida reitengrarse ao grupo, o Arxil afrontará un último partido de preparación o vindeiro sábado no Muncipal (11:45 horas) ante o Maristas da Coruña antes do debut liguero do 3 de cotubre ante o Cortegada.