O Arxil, centrado no debut ligueiro contra o Cortegada

Pontevedra
29 de setembro 2015

O conxunto verde estrea este sábado a tempada oficial cun derbi ante o Cortegada de Vilagarcía convencido de poder realizar unha boa campaña na Liga Feminina 2. Repetir presenza na fase de ascenso parece, polo momento, unha quimera  

Adestramento do Arxil no CGTD
Adestramento do Arxil no CGTD / Mónica Patxot

Logo dunha pretempada con problemas, de efectivos nos adestramentos principalmente, o Arxil afronta esta semana o inicio da Liga Feminina 2, na que aspira a repetir o gran resultado da pasada campaña, cando xogou o play-off de ascenso á máxima categoría.

Con todo non será ese o obxectivo principal, se non "manter a praza na categoría e a partir de aí ir subindo peldaños", explica o coordinador do club, Lino Vázquez.

Para iso Mayte Méndez contará cun plantel continuista no que cambian fundamentalmente dous nomes, as das xogadores estranxeiras. Se o ano pasado o salto de calidade quedaba para Maimouna Diarrá e Fallon Lewis, esta vez a responsabilidade será para a portuguesa Rossie Duarte e a xamaicana Yanique Gordon.

Trala chegada de Gordon hai apenas unha semana, o equipo prepárase ao completo co obxectivo de arrancar a liga con bo pé.

O primeiro compromiso do Arxil será un derbi provincial contra o Cortegada de Vilagarcía fixado para o vindeiro sábado 3 de outubro (19:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

En canto aos rivais de grupo, Lino Vázquez sitúa na terna de favoritos a "os dous vascos, o Aros de León, Cáceres e posiblemente Celta", sinalou o coordinador arxilista.