Axustado triunfo do Arxil ante o Cortegada (59-56) nun partido de alternativas

Pontevedra
04 de outubro 2015

As verdes levaron unha traballada vitoria no derbi provincial co que daba comezo a tempada na liga Feminina 2 de baloncesto. Carla Fernández, con 17 puntos, máxima anotadora do encontro

Ana Martín e Mayte Méndez nun partido do Arxil
Ana Martín e Mayte Méndez nun partido do Arxil / Diego Torrado

Con bo pé comezou a tempada o Club Baloncesto Arxil, que se impuxo ao Cortegada de Vilagarcía no derbi provincial que inauguraba o curso na Liga Feminina 2.

O conxunto verde levou un partido cheo de alternativas dominado polas defensas e cunha figura, a pontevedresa Carla Fernández, que botou o equipo ás súas costas para, con 17 puntos, terminar como a máxima anotadora da tarde.

O Cortegada comezou entoado o partido, con bo rendemento en ataque e dificultando ao Arxil coa súa defensa, o que lle deu vantaxe ao final do primeiro cuarto (13-19).

As de Mayte Méndez reaccionaron no segundo parcial e tras deixar os nervios atrás e axustar a defensa, foron capaces de chegar con vantaxe ao descanso (29-28).

A historia repetiuse á volta de vestiarios, e é que no terceiro cuarto volveron tomar vantaxe as de Vilagarcía (31-34), pero as locais mantiveron a cabeza fría e mostráronse máis precisas nos minutos decisivos para levar o triunfo.

Consulta aquí as estatísticas completas do encontro.