Príncipe Felipe, escenario por segunda vez este curso dunha concentración da Superdivisión de tenis de mesa

Pontevedra
05 de maio 2021

O líder, Borges de Lleida, xunto ao Arteal de Santiago, ADTM Leganés e San Sebastián de los Reyes, ademais do Monte Porreiro, participarán nunha concentración decisiva para definir as aspiracións dos pontevedreses

André Silva, no partido entre o TM Monte Porreiro e o CD Covirán Huetor Vega TM
André Silva, no partido entre o TM Monte Porreiro e o CD Covirán Huetor Vega TM / Cristina Saiz

Momento importante da tempada para o Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina. 

Despois dun positivo inicio de competición, os pontevedreses teñen a oportunidade de afastarse do descenso e pensar en obxectivos máis ambiciosos no tramo final de liga, pero para iso deberán sumar na segunda concentración da liga que organizará como locais.

De novo o pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe acollerá unha das concentracións da competición, aglutinando varias xornadas nunha fin de semana e con presenza dun cartel de luxo, e é que xunto aos pontevedreses (cuartos da táboa con 6 puntos) estará presente o líder, o Borges de Lleida, e tamén o Arteal de Santiago (terceiro con 7 puntos), o ADTM Leganés (pechacancelas con 0 puntos) e San Sebastián de los Reyes (segundo con 8 puntos).

A competición desenrolarase durante o sábado 8 e o domingo 9 de maio, empezando o primeiro día cun encontro entre o Visit Pontevedra Monte Porreiro ante o Arteal santiagués (11.00 horas), ademais do Asisa Borges Vall- ADTM Leganés, e en xornada de tarde o Borges-San Sebastián de los Reyes e o Arteal-Leganés. En canto ao domingo 9 de maio o Monte Porreiro medirase co líder Borges (11.00 horas) e o Arteal co San Sebastián de los Reyes.