Problemas de saúde apartan a Luisito do primeiro adestramento da semana

Pontevedra
23 de febreiro 2021

O adestrador granate ausentouse da sesión prevista ás 16.30 horas do luns para poder realizar unha serie de probas médicas. Desde o club apuntan a unha "posible trombose localizada en extremidade superior"

Luisito, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela
Luisito, no partido de Segunda División B en Pasarón entre Pontevedra CF e SD Compostela / Cristina Saiz

Contratempo inesperado para o Pontevedra Club de Fútbol, ao que a súa delicada situación na táboa clasificatoria uniuse no inicio da semana o estado de saúde do seu adestrador, José Luis Míguez 'Luisito'.

Segundo informa o club granate, o técnico ausentouse da primeira sesión de traballo da semana, prevista para as 16.30 horas do luns no campo de Xeve, para "realizar unhas probas médicas indicadas para chegar a un diagnóstico adecuado sobre unha doenza que persiste nas últimas horas".

Esa doenza, matiza o Pontevedra, apunta a unha "probable trombose localizada en extremidade superior".

Desde a entidade de Pasarón sinalaron que "esperamos que non revista gravidade" anunciando que informarán nas próximas horas sobre como transcorre a evolución de Luisito.